O pleno de Vimianzo aprobou o IV Plan de Igualdade
- Tamén quedaron aprobadas as novas taxas para o ximnasio

O pleno do pasado luns tiña a aprobación do IV Plan de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para os anos 2022-2026, como puno forte da orde do día. Un plan que nace como “estratexia metodolóxica para a implementación das políticas de igualdade en Vimianzo; nace para permitir a incorporación da perspectiva de xénero na administración local; nace para promover unha concienciación real de toda a cidadanía sobre a sociedade patriarcal na que vivimos e como iso configura quen somos e como nos comportamos; nace para ser conscientes das consecuencias e das causas da desigualdade estrutural coa que convivimos; nace para promover a participación das mulleres, para darlles voz, para facelas visibles e poñer en valor o traballo e as súas aportacións á sociedade; nace para loitar activamente contra calquera violencia cara a muller, polo simple feito de selo”.
Pero había máis cousas na orde do día, como o ditame sobre a modificación da Ordenanza Fiscal número 17, reguladora da taxa por prestación de servizos e utilización de instalacións culturais, educativas, deportivas e análogas de titularidade municipal ou o Plan de medidas anti fraude para a xestión dos fondos “Next Generation UE”.
Por exemplo temos novas tarifas de utilización do ximnasio en euros/hora:
- Matrícula: 10 euros
- Abono individual adulto: 20 euros/mes
- Abono individual xuvenil: 15 euros/mes
- Abono individual diversidade funcional: 15 euros/mes
- Abono individual matinal: 15 euros/mes
- Abono Carné Xove: 15 euros/mes
- Entrada libre adulto: 3,50 euros
- Entrada libre especial: 2,50 euros.
Ademais, para actividades dirixidas, as tarifas quedan da seguinte maneira:
- Adestramento para grupos reducidos, 2 horas á semana: 8 euros abonados, 15 euros non abonados.
- Adestramento grupos reducidos, 3 horas semanais: 15 euros abonados, 20 euros non abonados.
- Outras actividades dirixidas, 2 horas semanais: 8 euros abonados, 15 euros non abonados.
- Outras actividades dirixidas, 3 horas semanais: 15 euros abonados, 20 euros non abonados.