Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Poesía Vivencial, o soño feito realidade de Alejandra Rama

A vimiancesa Alejandra Rama acaba de publicar o seu primeiro libro Poesía Vivencial
Alejandra Rama Poesia Vivencial
Poesía Vivencial, o soño feito realidade de Alejandra Rama

A pasada fin de semana a alcaldesa Mónica Rodríguez e a Conselleira de Cultura Rosa Blanco acolleron na sala de conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo a exitosa presentación do primeiro libro da escritora vimiancesa Alejandra Rama “Poesía Vivencial”.

Arredor de 60 persoas, entre elas amigos e familiares da protagonista, acudiron ao espectacular evento marcado pola emoción, a ilusión e as sorpresas. A vocalista de Luar na Lubre, a vimiancesa Irma Macías, sorprendeu á escritora e aos asistentes coa súa interpretación do tema Negra Sombra.

Presentacion libro Alejandra Rama

“Foi unha sorpresa, un momentazo, oraganizado pola miña nai coa colaboración da alcaldesa e da propia Irma. Esta presentación superou as miñas espectativas. Foi unha experiencia marabillosa. Estou emocionadísima. Fixen un libro para escribir un soño. Non me considero escritora” comentou a escritora

A alcaldesa Mónica Rodríguez felicitou á emerxente escritora e destacou o orgullo que supón saber que o sector da cultura, principalmente o da literatura, queda en boas mans. Poesía Vivencial é unha secuencia de textos que non están relacionados entre sí pero que teñen en común a Alejandra Rama. Unha serie de vivencias, persoas, momentos e lugares que marcaron, formaron ou estäan presentes na vida da escritora dende a súa infancia ata a actualidade. Un soño feito realidade e en galego.

Alejandra Rama Amigo naceu en Vimianzo fai case 30 anos nun berce cheo de agarimo e arrecendo de fogar arroupada polos seus pais, o emblemático e benquerido conserxe do CEIP As Revoltas de Cabana e Magdalena, o seu irmá Juan e a súa cadeliña Bulma. Aínda que toda a súa vida transcorreu e transcorre no Vimianzo do seu corazón, estudiou 5 e 6 de primaria no CEIP As Revoltas. Devoradora insaciable da literatura galega de todo tipo dende o máis clásico ata o máis actual e amante da poesía optou por licenciarse en filoloxía galega pola Universidade de Santiago de Compostela.

”Non tiña claro o que quería facer da miña vida aos 18 anos . Sempre estiven pegada á miña familia e ao meu fogar. Costoume moito despegarme e marchar estudiar. Creo que iso tamén afectou nas miñas tomas de decisións” compartiu.

Un accidente de tráfico retrasou un ano a finalización da carreira. En A Coruña cursou un maestrado de profesorado e voltou ao CEIP As Revoltas para realizar as prácticas onde tivo como titora á súa antiga profesora de bacharelato Carmiña Fariña.

“Carmiña Fariña marcoume a vida. Eu quería ser coma ela. Fíxome moita ilusión que estivese presente na presentación do libro”.

Aínda que na actualidade se atopa preparando as oposicións, durante o tempo de pandemia tivo a oportunidade de exercer como profesora realizando sustitucións esporádicas grazas ás listas extraoficiais.

“Cando volvín á rutina despois dese ano traballando decidín facer o libro. Escribo dende pequena. Nunca tiven a idea de poñerme a escribir un libro pero sí tiña a ilusión de facer un libro con parte dos textos que xa tiña escritos” recordaba.

Alejandra Rama desafogaba entre liñas e letras os momentos máis duros da súa vida os cales era incapaz de compartir con familiares ou amigos. Así e, dende a súa infancia, esta vimiancesa recopilou unha serie de textos cheos de vivencias persoais que non están relacionados entre sí pero todos comparten á escritora como protagonista. Nace así o seu primeiro fillo e o seu gran soño bautizado como Poesía Vivencial.

“Parecíanme textos que quedaban moi bonitos e que soñaba con transformalos nun libro. Estou feliz co resultado”.

Alejandra Rama Amigo é unha promesa da literatura galega, vimiancesa ata a médula, amante da súa familia, arraigada ao fogar, ilusionada coa súa parella Aitor e unha caixa de sorpresas que acaba de abrirse a un mundo que espera impaciente grandes novas sobre esta escritora emerxente.

Presentacion en Vimianzo dop libro de Alejandra Rama

Comentarios