O Polígono Empresarial de Vimianzo segue medrando coa instalación da nova estación de servizo e a compra doutra parcela

Vista esta mañá de venres do equipo de dirección de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), ao Concello de Vimianzo. A xerente Beatriz Sestayo mantivo unha reunión coa alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o concelleiro de Urbanismo, Miguel Ángel Pérez Méndez, e a continuación, visitaron o parque empresarial do municipio para coñecer de primeira man as obras en curso e as posibles necesidades do espazo industrial.
Alí, a empresa Gambaru Power está a construír unha estación de servizo, que se prevé que abra o vindeiro outubro, nunha parcela de 1.710 metros cadrados adquirida mediante un contrato de arrendamento (aluguer con opción a compra). Na primeira fase, instalarán unha gasolineira, un punto de recarga eléctrica, unha zona de venda automática, unha tenda cunha pequena cafetería e un punto de recollida de Amazon.
Iván Pardiñas, xerente de Gambaru Power, confirma a súa confianza no parque empresarial: "Apostamos por Vimianzo porque cremos firmemente no potencial desta vila e da súa xente. É unha zona vibrante, cun entorno social e económico en constante crecemento, e unha localización estratéxica que a converteu nun punto clave da Costa da Morte".
Pola súa banda, Beatriz Sestayo expresou a satisfacción de SEA "por ver como a aposta polos dereitos de superficie permitiu a implantación de empresas nos últimos anos. SEA e o Concello seguen a traballar para impulsar este polígono industrial e axudar ás empresas a contribuír de forma inestimable á creación de riqueza e emprego neste municipio".
Na mesma liña, a alcaldesa Mónica Rodríguez quixo "agradecer o traballo e a dedicación de Beatriz Sestayo, xerente de SEA, así como de todas as persoas que conforman esta entidade, polos seus anos de esforzo que se traduciron no desenvolvemento económico non só de Vimianzo, senón de toda a comarca de Soneira. Queremos que o noso parque empresarial sexa un referente, e este é sen dúbida o camiño que debemos seguir para acadar o noso obxectivo".
Sinatura con Proclima

Mentres tanto, Proyectos Climáticos de Galicia (Proclima), empresa especializada en climatización e refrixeración industrial, asinou o contrato de compra dunha parcela de 952,21 metros cadrados no parque empresarial do concello. A empresa leva anos radicada en Vimianzo e agora adquire por primeira vez unha parcela no parque industrial.
O Parque Empresarial de Vimianzo abrangue unha superficie bruta de 335.000 metros cadrados, dos cales algo máis de 169.000 están destinados ás 110 parcelas dentro do parque industrial. Delas, 84 están baleiras, dende as parcelas máis pequenas de 600 metros cadrados ata as máis grandes, de case 10.000 metros cadrados. Na actualidade conta cunha importante rede industrial, que inclúe empresas especializadas en carpintería de aluminio e PVC, así como en procesamento de coiro e no sector dos pavimentos de formigón pulido.