Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O PSdG volve preguntar pola saída da Autovía ao Polígono de Vimianzo

Obras-da-Autovia-xa-realizadas-en-Pasarela-Vimianzo-1
Obras do desmonte xa realizado hai anos en Pasarela, que conectaria a Autovía coa AC-432
O PSdG volve preguntar pola saída da Autovía ao Polígono de Vimianzo

O Caso Autovía segue sendo un verdadeiro misterio. A transformación de Autovía en Corredor, a desaparición de saídas incluídas no proxecto, o esquecemento da variante de Brens, ou o desmonte pantasma do treito Baio-Berdoias, son algúns dos enigmas sen resolver.

Desta volta, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa das súas deputadas e do seu deputado, María Dolores Toja Suárez, Luís Manuel Álvarez Martínez e María Luisa Pierres López, trae de volta a incógnita do enlace directo entre a autovía Costa da Morte e o polígono industrial de Vimianzo, en dirección Camariñas.

Unha saída que o propio PP aseguraba en marzo de 2018, respondendo a unha pregunta do PSdG, que estaba en proceso de “análise da viabilidade”, no marco do proceso de redacción (licitado en marzo de 2017…) da prolongación de Santa Irena ata a estrada AC-432 que une Vimianzo a Camariñas.

En outubro de 2018, o PSdG reitireba a pregunta pero a resposta foi a mesma: “en proceso de análise da viabilidade”.

Non hai novidades dende aquela, tampouco, a pesar da chegada da Estrella Galicia a Vimianzo, argumentan os socialistas. Ademais, continúa sendo un grave problema a intersección entre a estrada AC-552 e a AC-432, con ese cruce no centro urbano de Vimianzo que supón un perigo.

Por todo isto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei: O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a executar, dentro do ano 2019, o acordo parlamentario do 10 de marzo de 2017, que establecía, entre outras cuestións: “... analizando a viabilidade debe incorporar un enlace co polígono industrial de Vimianzo, en dirección a Camariñas …”.

Os Veciños de Fisterra reclaman a Autovía ata Cee

Unha vez máis, e xa van incontables, a Asociación de Veciños Costa da Morte de Fisterra volve enviar un escrito ante a Xunta para solicitar "a continuación da Autovía da Costa da Morte na súa segunda fase entre Baio e Berdoias, prolónguese no futuro até Cee e execútese a variante ao porto de Brens (Cee)".

Reunión sobre o polígono

Paralelamente, a candidata socialista á alcaldía de Vimianzo, Mónica Rodríguez, pregúntase ás razóns de Manuel Antelo para non asistir a unha reunión dos alcaldes da provincia para promover o solo industrial.

Rodríguez considera que a ausencia do alcalde só se pode deber á “falta de interese polo desenvolvemento do parque empresarial e o desleixo constante do seu goberno polo progreso económico e a mellora do tecido industrial de Vimianzo”.

Artigos relacionados

A HISTORIA DA AUTOVÍA COSTA DA MORTE

 

Comentarios