Queremos Galego combate a perda de falantes con cultura na nosa lingua


A Plataforma Queremos Galego volve pola bisbarra para organizar dous novos actos. Actos que seguen co obxectivo de estimular unha reflexión colectiva sobre a difícil situación pola que o galego está a pasar. Unha situación que reflexa a tremenda redución de galego-faltantes, a pesar de que a Costa da Morte segue sendo un dos bastións da nosa linua.
Así, o sábado 1 de novembro actuará na Casa da Cultura de Vimianzo, e no marco do seu programa semestral cultural, a compañía costeira por excelencia, Talía Teatro, da que ademais o seu director, Artur Trillo, é voceiro de Queremos Galego. A obra representada leva dende 2008 percorrendo mundo.
Xa para o sábado 15 de novembro, cambiamos teatro por libros, e será Miguel Moireira Barbeito o que presente en Carballo o seu libro “Contra a morte das Linguas”.
"Bicos con con Lingua”, de Talía Teatro.
Divertidísima comedia dirixida por Avelino González e interpretada por Toño Casais e Artur Trillo,galardoada en 2004 co Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal e ao Mellor Actor Protagonista (Artur Trillo) 'Bicos con lingua' afonda na situación sociolingüística de Galiza e convídanos a reflexionar sobre a problemática do idioma, sobre o comportamento da sociedade galega ante a lingua e sobre os prexuízos e a situación actual do Galego.
“Contra a morte das linguas. O caso do galego”, de Miguel Moreira Barbeito
Baixo o provocativo título “Contra a morte das linguas. O caso do galego” preséntase unha perspectiva anovadora para a interpretación de dúas realidades interdependentes: a diminución da diversidade lingüística, no nivel planetario, e a situación do galego, no nivel local. Miguel Moreira Barbeito enmarca a obra na liña do entusiasmo comprometido e de liberación. Trátase dunha proposta de análise en chave positiva que desbota as visións catastrofistas e que pretende, neste momento crítico, tirar proveito dos argumentos que sinalan unha alternativa de futuro para as linguas minorizadas nos innúmeros contextos de conflito lingüístico.
A presentación correrá a cargo de Paco Souto e do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz nacional de Queremos Galego, Marcos Maceira.
Novas relacionadas
- A lingua galega sobrevive na Costa da Morte.
- Vimianzo volve apostar pola programación continua para o outono.
- Queremos Galego Bergantiños-Costa da Morte analiza o estado de saúde da lingua.