Renovado o convenio provincial para a xestión do Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín

Un ano máis, Deputación e o Concello de Vimianzo renovan o convenio para a xestión do Castelo e dos Batáns do Mosquetín. O responsable de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asinaron o convenio de cooperación para a xestión con atención de visitantes, Mostra de Artesanía en Vivo e outras actividades do Castelo de Vimianzo e tamén dos Batáns do Mosquetín durante 2025.
A achega da Deputación é de 120.000 euros, dos cales 102.000 destinaranse para o Castelo e os 18.000 restantes para os Batáns.
Entre as obrigas contraídas polo Concello de Vimianzo están a de achegar o persoal necesario para a atención aos visitantes do Castelo, á Mostra e aos Batáns; a de abrir os centros de acordo cos horarios que se establecen no convenio (o Castelo, de martes a domingo, excepto o 22 de maio, o 25 de decembro e o 1 de xaneiro; e os Batáns, de luns a domingo) e a de elaborar unha estatística de visitas mensual e de xeito obxectivo e avaliable.
O concello tamén se compromete a realizar outras actividades, coma as exposicións permanentes (tanto no Castelo coma nos Batáns); mostras temporais (dos artesáns presentes na Mostra, outras de promoción de Vimianzo e da Costa da Morte, e outras comisariadas pola Deputación); visitas guiadas e teatralizadas; todo o programa da Mostra de Artesanía en vivo unidades didácticas adaptadas aos proxectos curriculares de cada ciclo educativo dos centros de ensino que visitan o Castelo e os Batáns; rutas, relatorios e obradoiros de artesanía no patio do Castelo (de barro, de barco, de encadernación, de vidro ou de trenzado en palla).