Tesouros da Parroquia de Berdoias (II): A Eira do Sores, en Romar
Mostra do Patrimonio Material da Parroquia de Berdoias:
Construcións de transformación do Gran:
As Eiras (II): A Eira do Sores, en Romar
A carón da estrada que vai de O Petón cara Berdoias, tramo coincidente co da Vía Mariana, mesmo na entrada do lugar de Romar á dereita, atópase todo un conxunto harmonioso de arquitecturas do pan: cabana, eira, e cabazos.
A eira do Sores, que loce no centro do cadro, é unha construción de transformación de gran; un espazo arquitectónico de pedra, de forma mixta, é dicir, parte cuadrangular, e parte circular. Ten un espléndido chan empedrado de longas lousas e un bordo perimetral de cachotería, ben conservados.
Conta a familia de que antes do chan enlousado actual foi, hai moitos anos xa, unha eira terrea, co chan de terra compactada… Tamén, tempo atrás, as mallas do trigo, centeo e avea se facían nesta eira aproveitando o pisar das bestas que, para este traballo, eran baixadas dos montes do Cabral.
Completando conxunto con esta eira do Sores está a cabana, que era a construción de almacenamento do trigo, do centeo, e da avea; e están tamén no seu arredor cinco cabazos para almacenar o millo: os catro máis vellos, de pedra; e outro máis novo, xa de ladrillo.
Velaquí tres fotografías: unha, da eira do Sores conformando un conxunto harmonioso coa cabana e cos cabazos; e outra, da propia eira cun chan e cun bordo esplendidamente conservados. E unha terceira, un mapa de eiras de Romar.
Conxunto da Eira do Sores, coa Cabana, e cos Cabazos.
Eira do Sores, co chan e bordo ben conservados.
Mapa das eiras de Romar