Venres. 03.05.2024
El tiempo

O TSXG paraliza cautelarmente o parque eólico Monte da Croa

Mapa parque Eolico Monta da Croa Vimianzo
Mapa do parque eólico Monta da Croa Vimianzo
O TSXG paraliza cautelarmente o parque eólico Monte da Croa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de aprobar a paralización cautelar da executividade da resolución pola que a Xunta de Galicia autorizou o parque eólico Monte da Croa. Un parque de 7 aeroxeradores, promovido por Cartelar Vimira 24, SLU (Villar Mir), nos concellos de Vimianzo e Dumbría, contra os que cargan numerosas sospeitas sobre prácticas abusivas.

Con todo, o Tribunal fundamenta a adopción da medida cautelar nas probas achegadas por ADEGA en canto ás deficiencias na avaliación de impacto ambiental do proxecto eólico, en particular, sobre os efectos na avifauna ameazada e no lobo ibérico, que ten un núcleo reprodutor estable na zona. A entidade lembra ademais que na zona habitan ata 26 especies con distintos graos de protección, como a salamántiga rabilonga, a víbora de Seoane ou as aves migratorias ameazadas que visitan as lagoas de Castrelo.

O impacto sobre o patrimonio cultural tamén é significativo. O P.E. Monte da Croa tería un efecto negativo sobre as necrópoles megalíticas de Baíñas, varios achados arqueolóxicos de Castrelo, o petróglifo do Cotriño, os 14 muíños fluviais de Cambeda, ou 13 mámoas, deixando a vila de Vimianzo sen ningún punto do seu horizonte libre de eólicos ou liñas de alta tensión.

Un paso adiante contra a presión eólica da Costa da Morte

ADEGA, promotora das alegacións a través da campaña Ti Podes Paralos! expresa a súa satisfación ante o presente auto de suspensión cautelar por canto representa un paso importante fronte a presión eólica que xa a día de hoxe sofre a Costa da Morte. A organización ecoloxista lembra que "o efecto acumulativo do cento de eólicos que actualmente operan no Concello de Vimianzo, máis os que están en tramitación, fai que este desenvolvemento industrial sexa ambientalmente incompatible". 

30 parques paralizados

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu ata hoxe 42 autos nos que decide sobre as solicitudes de suspensións cautelares de autorizacións administrativas e de construción de 30 parques eólicos. En 27 das resolucións os xuíces acolleron as peticións -Ventumelo, Porto Vidros, Banzas, Monte Neme, Zamorra, Touriñán II, Felga, Rodeira, O Cerqueiral, Chao do Marco, Monte Peón, As Encrobas, Pico Seco, Serra do Faro Ampliación II, As Penizas, Figueiras, Reboiro, Alto da Telleira, Troitomil, Outeiro Grande, Rodicio II, Alto de Montouto, Meirama, Monte da Croa, Gato, Cunca e Serra do Farelo-; e, no resto (3) -Vilartoxo, Neboada e Uxo-, as rexeitaron.


 

Novas relacionadas

 

Comentarios