Un concurso de curtas co móbil


Está de moda o audiovisual, non cabe dúbida. E os concellos van adheríndose a este medio como poden a través dos seus alumnos. Así o vimos co gallo do 25N nos concellos de Ponteceso e Cee, con sendas curtas contra a violencia de xénero máis que interesantes.
Hoxe desde o concello de Vimianzo nos informan da nova campaña que abren co gallo do I Concurso de curtas co móbil que se está a artellar dende as Aulas da Rede CeMIT dos concellos de Abegondo e Vimianzo. Concurso no que poden participar rapaces e rapazas que estean cursando a ESO ou Bacharelato de toda Galicia, cunha idade comprendida entre 14 e 20 ano.
Esta iniciativa ten como finalidade fomentar o traballo en equipo entre o alumnado dos centros educativos participantes, así coma o uso da Lingua Galega nas TICs, explorar e dar a coñecer a creatividade audiovisual presente na poboación estudantil e utilizar as aulas CeMIT como un espazo para a creación e para a comunicación.
Dúas fases
O concurso constará de dúas fases:
- Fase provincial (votacións dende 07/03/2012 ata o 08/04/2012)- Seleccionarase a curta gañadora por cada provincia de entre todas as presentadas.
- Fase Autonómica (votacións dende o 18/04/2012 ata o 20/05/2012.)- De entre catro curtas finalistas, elixirase a curta gañadora.
Como novidade, compre destacar que a plataforma utilizada para colgar as curtas participantes, así como para levar a cabo o sistema de valoración será o facebook. Isto implica que todas persoas que estean rexistradas nesta plataforma e que accedan á páxina facebook/imitxunta poidan votar a micromovie que considere mellor a través do sistema de “Gústame”.
Prazo de inscrición
O prazo de inscrición remata o 29/02/2012, polo que dende o Concello de Vimianzo animan a todos os rapaces e rapazas a participar nesta iniciativa.
Novas relacionadas
- A mocidade de Ponteceso Rec.Apacita sobre a Violencia de Xénero con spots audiovisuais.
- As mulleres de Cee pensan o que sinten.
Fonte
- Nota de prensa do Concello de VImianzo.