Venres. 29.03.2024
El tiempo

Un outono sabroso en Vimianzo

Un outono sabroso en Vimianzo

"Non está o forno para bolos, que díría algún". Pero a verdade é que para as actividades gastronómicas sempre hai tempo na nosa bisbarra. Así o propoñen dende o Concello de Vimianzo, que en colaboración cos hostaleiros, preparou a proganización dunhas xornadas gastronómicas de outono que levan por nome: "Vimianzo gastronómico. Compartimos outono". Unhas xornadas que contan coa colaboración da Asociación Gastronómica Slow Food Galicia, un movemento mundial que medra en Galicia con semente costeira.

Sete restaurantes do concello vimiancés participan nestas xornadas (Casa Paco, en Pasarela; O Cabral, en Baíñas; O Retiro de Bárboles, en Salto; Casa Sabina, Restaurante O Castillo e Restaurante Vázquez, en Vimianzo) elaborando un menú para as fins de semana do mes de novembro (venres pola noite, sábado mediodía e noite, e domingo ao mediodía).

A sobremesa tamén conta

As panaderías da vila tamén quixeron participar nesta iniciativa gastronómica. Precisamente o pasado mércores, achegáronse ao concello para facer unha degustación de sobremesas que se incluirán nos menús de outono dos restaurantes co nome de sobremesas de Vimianzo. De entre as propostas, intentarán crear “unha sobremesa que represente o noso concello no mundo gastronómico, unha sobremesa de Vimianzo para ofrecer aos vimianceses e aos visitantes”.

Menú e copa

Para completar a oferta gastronómica do mes de novembro os restaurantes ofrecerán co menú un bono do 10% de desconto na primeira consumición nos bares que participan na iniciativa (A Rúa, Celme, Hilton, Mehari, O Agocho e Quilmes). Para animar as noites en Vimianzo, nestes locais de copas ofrecerase unha alternativa de ocio outonal.

Desde o Departamento de Promoción económica do concello de Vimianzo lévase traballando cos hostaleiros durante todo este mes para coordinar as xornadas e agora queda facer o labor de divulgación e promoción. Manuel Antelo considera que “son moi importantes este tipo de iniciativas para promocionar Vimianzo” di o alcalde “hai que ofrecer alternativas para que a xente se achegue ao noso concello”.

Menús

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Vimianzo.

Comentarios