A veciñanza de Baíñas demostra o seu rotundo rexeitamento ao peche da sucursal de Abanca
Este venres, a veciñanza vimiancesa sumouse a unha nova concentración en sinal de protesta contra o peche da sucursal bancaria de Baíñas, diante da propia oficina de ABANCA. O goberno local sinala que o peche da única sucursal de ABANCA na parroquia dificultará o acceso a un servizo esencial ás arredor de 700 persoas que residen nesta zona do termo municipal.
A rexedora afondou no impedimento que lle supón a veciñanza, sobre todo ás persoas maiores que poden non contar con vehículo, e que ademais sofren a fenda dixital.
O equipo de goberno expresou que este tipo de trabas demostran a ausencia absoluta de apoio ao rural e insiste en que a eliminación da oficina en Baíñas tamén afectará á economía da zona, xa que o pequeno comercio local deixará de contar cun servizo esencial para poder desenvolver a súa actividade.
Novas manifestacións
Desde os Concellos de Vimianzo, Zas e A Baña convocaranse novas concentracións tanto o vindeiro mércores, 25 de agosto, diante das respectivas oficinas, como o día 2 de setembro na Coruña, diante da sede central da entidade.
Mentres, continúa en marcha a radiografía a nivel galego por parte da FEGAMP e a a colleita de sinaturas online contra o peche da oficina de Baíñas.
NOVAS RELACIONADAS
- 20-08-2021: A FEGAMP comprométese a analizar a política de abandono do rural de Abanca.
- 17-08-2021: Vimianzo convoca unha nova concentración contra o peche da sucursal bancaria de Baíñas.
- 16-08-21: Adiante Vimianzo tamén pide o compromiso do pleno contra o peche da sucurcal de Abanca en Baíñas
- 14-08-21: Os Concellos de Vimianzo e Zas unen forzas contra o peche das sucursais de Abanca.
- 12-08-2021: A veciñanza de Baíñas concentrouse contra o peche da sucursal de Abanca.
- 12-08-2021: Zas mobilízase contra o peche da oficina de Abanca.
- 04-08-2020: Lamentan o peche da oficina de Abanca en Dumbría.
- Cousas que existían pero que descubrimos coa pandemia: Os bancos, tal como os coñecemos, camiño de ser un recordo.