“A veciñanza de Tufións por fin pode pasear e circular con seguridade nesta vía”
Este pasado xoves unha expedición institucional achegouse ata Tufións, en Vimianzo, para botar un ollo ao remate das obras de mellora da estrada. Case medio millón de euros para ampliar a plataforma da estrada DP-1603 e a construción de novas sendas peonís nas marxes, ademais da renovación do firme da vía mediante aglomerado e renovar o alumeado.
“A veciñanza de Tufións por fin pode pasear e circular con seguridade nesta vía”, aseguraba o presidente da Deputación Valentín González Formoso. “Era unha vella demanda da veciñanza”, lembrou a alcaldesa Mónica Rodríguez.
Esta obra completarase co novo nvestimento provincial de 178.063 euros para renovar a capa de rodaxe entre os puntos quilométricos 1+315 e 2+865 (desde Porto de Cereixo a Tufións), completando así as melloras desta estrada provincial. As obras, explicou o presidente, están xa en fase de licitación pública.
Tamén visitaron tamén o centro sociocultural, que renova a súa imaxe exterior, aposta pola eficiencia enerxética e crea unha nova aula interior cun investimento de 153.000 euros do Plan Único.