Vence tamén apoia o goberno “honesto” de Vimianzo


Xa amosou o seu apoio ao alcalde de Carballo (farao seguramente tamén en Zas e Carnota), e onte, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acodía a Vimianzo, outro dos feudos nacionalistas da zona, para defender o “goberno honesto, eficaz e dinamizador” que Manuel Antelo está a desenvolver para “mudar a vella política caciquil”.
Así o reivindicou Vence, que lembrou que está a realizar “unha xestión da que sentirse orgulloso pese a ter que realizarse nunha lexislatura moi complicada”, na que o alcalde traballou por devolver “calidade democrática” á institución municipal, e “dinamizar o tecido económico, cultural e o patrimonio arquitectónico de Vimianzo”.
“Pese a estratexia de obstrución da oposición, pese a todas as súas estrataxemas de xudicialización, Antelo e a súa equipa foron superando obstáculos, recuperando calidade democrática e deixando atrás a etapa de goberno da vella política caciquil, de trama de intereses entre o goberno local e intereses espurios”, explicou Vence.
Falou de propostas como “as medidas fiscais - en referencia a bonificación do 95% no imposto do ICIO-, poñendo en valor o patrimonio arquitectónico baixo a dobre perspectiva cultural pero tamén de estímulo do turismo e do comercio local e artesanal, no que castelo é un referente”.
E falou dos procesos xudiciais: “Lévannos aos xulgados por loitar contra a corrupción, non por ser corruptos”, recalcou, tras agradecer o apoio dos veciños e veciñas.
Pide ademais axudas do IGAPE para a implantación de empresas no Polígono de Vimianzo, e esíxelle á Xunta que “cumpra cos seus compromisos” e se complete ata Berdoias o trazado da Autovía da Costa da Morte como infraestrutura “vertebradora” de toda a comarca “e non se pode adoptar decisións de fragmentación da obra en función dos intereses da empresa adxudicataria”.

Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa do BNG.