Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Vimianzo e Carballo participan nas Residencias Paraíso, programa pioneiro para a danza e as artes vivas

FIOT Clara Pampyn © Vanessa Rábade_25
Imaxe de Clara Pampyn no FIOT © Vanessa Rábade
Vimianzo e Carballo participan nas Residencias Paraíso, programa pioneiro para a danza e as artes vivas

Por oitavo ano consecutivo, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– abre unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio.

O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa como son o Concello de Vimianzo e o de Carballo. O Pazo da Cultura carballés e a Casa da Cultura de Vimiazo acollerán sendas propostas, e as artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro de 2024 na Illa de San Simón.

As interesadas poderán presentar a súa proposta ata o 26 de febreiro e unha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM valorará a integridade artística do proxecto, o seu grao de madurez e solidez, a relación entre a proposta e o territorio e as prácticas de programación expandida que arroupen a residencia, para anunciar a mediados de marzo os proxectos seleccionados.

Residencias Paraíso 2024 conta cun importe total de 22.000€ e acollerá ata 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Poden solicitar a residencia neste formulario online.

Comentarios