Venres. 19.04.2024
El tiempo

Vimianzo convertiuse nun gran Circo de Entroido

Vimianzo convertiuse nun gran Circo de Entroido

Vai collendo o seu lugar o Entroido de Vimianzo na Costa da Morte. E para iso se trasladou ao luns de Entroido, para intentar non solapar co entroido fisterrán ou co dumbriés. Á espera do aconteza na vila do Cristo, damos un paseo por Vimianzo, onde QPC tamén fixo de xurado. E dificil estivo a votación para escoller aos mellores grupos, disfraces e comparsas, porque a participación foi fantástica.

A Praza do Concello vestíase de gala para acoller o desfile e concurso. Iso si, se non faltaba un só pequeno con disfraz, entre os maiores que se achegaron á praza si que se botaba de menos un pouco de cor. Pero para iso estiveron os do Circo ou as Danzatecas, que encheron de imaxinación a capital soneirá.

Menudas comparsas

A votación máis complicada foi a da elección das Comparsas gañadoras. 3 eran as participantes, comezando pola simpática boda da Duquesa de Alba e Antonio Díez. Impresionante o despliegue de humor da realeza que nos fixo escachar da risa dende a parroquia de Berdoias.

Pero antes xa deixara o pavilló ben alto as Danzatecas. 86 veciñas de todas as parroquias e todas as idades engalanáronse con vestidos que parecía traídos directamente da India. Impresionante a posta en escena, cun baile ben traballado e mesmo un xigante elefante que transportaba aos 3 pequenos sultáns. Por detrás, as pequenas princesas ían transportadas polos escravos e saudando ao persoa. Non é de extrañar que levaran o primeiro premio do Entroido de Carballo o pasado sábado.

A cousa estaba pois moi difícil, e de contado a praza convertiuse nun xigantesco circo coa comparsa "Había unha vez", da Asociación A Trubisquiña. Case un cento de malabaristas, maiorets, paiasos, leóns, tigres... encheron de cor e simpatía o escenario cunha traballada representación. Primeiro entraron os perigosos leóns, de contado o home bala enviado á lúa polos forzudos; os paiasos bailaron e bailaron, e as maiorets ata cantaron unha comparsa con aquelo de "O de Vimianzo, o entroido é o mellor do mundo enteiro".

Quixo valorar o xurado esa traballada escena e esa letra dando algo de caña, que para iso está o entroido, premiando ao Circo de Vimianzo co primeiro premio, e ás Danzatecas coa mellor comparsa vimiancesa (malia que todas eran de Vimianzo).

Grupos de ananos

Curiosa a coincidencia de varios dos grupos. Moitos ananos vivos facendo o seu espectáculo sobre a praza, moi ben engalados e cuns bailes e ata un partido de fútbol... simpatiquísimos. Finalmente o xurado decidiu escoller como mellor Grupo ao Show das Bonecas, que demais de meterse nas caixas de regalo, subiron ao escenario e cantaron unhas coplas estupendas.
O segundo premio leváronnos os bailes de Perfeutiño e Veneranda, que demostraron un xeito de mover a cintura inusual.

Premios individuais

Poucos adultos se presentaron ao Concurso ao mellor disfraz orixinal. E a cousa estaba clara. O premio estaría entre unha fermosa bolboreta enorme, e un transformer auténtico. Finalmente o premio foi para o transformer que ata traía lucecitas por todas partes, pero a linda bolboreta tamén merecería un bo premio.

E outros dos complicados para escoller foron os 3 premios infantís. I é que ducias de cativos se agolparon baixo o escenario, baixo o xurado, para amosar os seus traxes. Finalmente unha orixinal velliña nunha ventá, unha Garda Civil e un pequeno Quijotiño levaron os premios.

Pero todo Vimianzo seguíu disfrutando da festa, das Filloas das Amas de Casa e do Entroido, que parece que pode atopar o seu lugar en Vimianzo neste luns de Entroido.

Máis entroidos

Fonte

Comentarios