Mércores. 21.08.2019
El tiempo

Vimianzo mantén viva a aposta polo patrimonio e volve limpar o Castro das Barreiras

Como novidade, os visitantes xa poden contemplar os pisos e pavimentos interiores das vivendas, nos que destacan os fogares ou lareiras orixinais. 
 
O arqueologo Tito Concheiro coa alcaldesa de Vimianzo
O arqueologo Tito Concheiro coa alcaldesa de Vimianzo
Vimianzo mantén viva a aposta polo patrimonio e volve limpar o Castro das Barreiras
Como novidade, os visitantes xa poden contemplar os pisos e pavimentos interiores das vivendas, nos que destacan os fogares ou lareiras orixinais.

Non cambian as cousas en materia de patrimonio co novo goberno vimiancés. Fai ben o novo grupo de goberno en manter viva esa aposta que leva convertindo a Vimianzo nunha verdadeira capital patrimononial, facendo do turismo cultural un motor importante.

Así, como cada ano dende o ano 2011 e chegada a tempada estival o Concello de Vimianzo, propietario dos terreos onde se ubica o xacemento, afrontará ao longo de toda esta semana os traballos de limpeza do impoñente recinto castrexo das Barreiras, en Ogas. As obras, consistentes na limpeza por medios manuais e mecánicos da vexetación que arestora medra no interior do castro e nos sistemas defensivos, como a muralla e o foxo, contarán cun proxecto paralelo de supervisión e control arqueolóxico dirixido polo arqueólogo habitual, Tito Concheiro.

Deste xeito, o castro vimiancés presentará unhas óptimas condicións de visita, o que permitirá gozar en toda a súa magnitude os interesantes restos arqueolóxicos descubertos nas últimas escavacións, compostos por restos de catro casas de planta circular e parte do paramento da muralla.

Como novidade, resaltar que agora os visitantes poden contemplar os pisos e pavimentos interiores das vivendas, nos que destacan os fogares ou lareiras orixinais. Na última campaña de escavación tamén se recuperaron moitos obxectos de cerámica, pedra e metal, entre eles un espectacular coitelo "de caza" de ferro, unha peza de Época Romana practicamente única no seu tipo en Galicia.

Novas relacionadas

Máis novas

Comentarios