Vimianzo pon en marcha o programa Actívate para os maiores de cada parroquia
O Concello de Vimianzo oferta por segundo ano consecutivo o programa de estimulación cognitiva "Actívate". Un proxecto dirixido ás persoas maiores de 60 anos e levarase a cabo nas seguintes parroquias: Baíñas, Bamiro, Berdoias, Calo, Cambeda, Carantoña, Carnés, Castrelo, Cereixo, Cures, Salto, Serramo, Tines, Treos e Vimianzo. O curso iniciarase o luns, 2 de outubro, e rematará o 31 de maio do 2024.
O principal obxectivo é que os asistentes se manteñan activos mental e fisicamente. No canto das actividades cognitivas, traballarase a memoria, o cálculo, a atención, a orientación e o razoamento, entre outros. Así mesmo, tamén se levarán a cabo sesións de actividade física, xogos, risoterapia, musicoterapia, novas tecnoloxías e de educación para a saúde.
Os responsables deste servizo, que non ten custes para as persoas empadroadas en Vimianzo, serán os psicólogos Ana Mosconi e Sergio Trillo. A inscrición debe tramitarse de forma presencial, nos Servizos Sociais do Concello, ou a través do teléfono 981 707 426.