Vimianzo presentou a III edición do Dúatlon Val de Soneira,

A Casa da Cultura do Concello de Vimianzo acolleu a presentación da terceira edición do Dúatlon Val de Soneira, unha proba consolidada no calendario deportivo, puntuable para o Circuíto Galego, que se celebrará o 2 de marzo.
Dous dos protagonistas da presentación foron Borja Gómez e Nagore Otero, son dous deportistas con diversidade funcional que, ademais de participar na proba, protagonizan o cartel desta nova edición. O edil de Deportes, Sergio Miñones, salientou que escoller a dúas persoas coma Gómez e Otero pretende “darlle visibilidade a persoas coma eles, que teñen necesidades especiais pero que, con todo, non deixan de desfrutar do deporte”.
Ao igual que na última edición, a carreira consta de tres probas en dúas distancias diferentes:
- Distancia súper sprint. Dará comezo ás 14:30 horas e nela participarán deportistas de categoría infantil, cadete, xuvenil e júnior. Serán 2,4 quilómetros de carreira a pé, 7,2 quilómetros en bicicleta e 1,2 quilómetros a pé. Sobre esta distancia tamén haberá proba popular.
- Distancia sprint feminina. Arrincará ás 15:30 horas e será sobre un percorrido de 5 quilómetros de carreira a pé; 19,4 de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pé.
- Distancia sprint masculina. A derradeira proba comezará ás 17:20 horas e nela daranse cita os deportistas que compoñen as categorías masculinas. Farano sobre o mesmo percorrido que o das mulleres.
A saída, meta e transición estarán situadas no entorno da praza do Concello e os itinerarios discorrerán, igual que o ano pasado, polo núcleo urbano de Vimianzo e os lugares de Vilar, As Pasantes, Somonte, Ogas e A Gándara. Está previsto que se corte a circulación nas rúas polas que se desenvolve a proba, permanecendo pechadas ata o remate da mesma.
Para participar, os/as interesados/as deberán consultar a páxina web da Federación Galega de Triatlón www.fegatri.org e facer a inscrición en liña.