Venres. 03.05.2024
El tiempo

Vimianzo promove unha nova edición do programa de andainas ‘Recunchos de verán 2023’

VIMIANZO_Cartel andainas 'Recunchos de verán 2023'
Vimianzo promove unha nova edición do programa de andainas ‘Recunchos de verán 2023’

O Concello de Vimianzo promove unha nova edición de ‘Recunchos de verán 2023’, un programa conformado por catro andainas circulares para coñecer algúns dos recursos turísticos máis importantes do municipio.

A primeira saída será o vindeiro mércores, 17 de maio. O traxecto, de 9 quilómetros, comprenderá o treito entre Carnés e Cereixo con saída desde o primeiro punto. Visitaranse lugares moi especiais como a cerca da Fagía ou a fonte de San Cristobo, en Carnés; así como o muíño de mareas, a igrexa ou as Torres de Cereixo.

A segunda andaina celebrarase o 10 de xuño. As persoas participantes camiñarán durante 8 quilómetros arredor dos Penedos de Pasarela e Traba, con saída desde a escola de Pasarela. A través desta andaina as persoas asistentes poderán ver verdadeiras ‘obras de arte’ esculpidas de xeito natural debido ás forzas da natureza. 

Xa en xullo, concretamente o día 7, continuarase por Bamiro. Nesta ocasión serán 14 quilómetros polos que se percorrerá a historia do lugar con saída desde a escola. Desde esta, a viaxe irá ata o recentemente restaurado Cruceiro dos Santos (Cheis), a capela de Montetorán ou o paseo fluvial dos ríos Grande e Torrente.

A programación finalizará o 19 de agosto cunha andaina entre Vimianzo e Castrobuxán. De novo, será un percorrido de 14 quilómetros que terá saída desde a praza do Concello.Visitaranse o lugar de Calo e a capela de Castrobuxán, ademais do río Grande e a ponte da Furaqueira.

Todas as rutas terán a saída fixada ás 9:30 horas, estimándose a chegada entre as 13:00 e as 14:30 horas en función da distancia percorrida.

As prazas son limitadas e as inscricións poden formalizarse na seguinte ligazón antes do venres anterior á celebración de cada andaina. Os desprazamentos ata o punto de inicio serán por conta allea.

No caso da participación de menores de idades, estes deberán estar acompañados dun adulto e acudir cunha autorización paterna ou materna.

Comentarios