Vimianzo fai do patrimonio un importante recurso turístico
Vimianzo reflicte perfectamente a importancia de ter espazos onde poder contabilizar os visitantes. O concello puido contabilizar a cantidade de visitantes que recibiron os seus espazos patrimoniais, e asi valorar se a súa aposta cultural ten sentido turisticamente falando.
E o balance que se fai desde o Consistorio vimiancés é “tremendamente satisfactorio, e reflicte que Vimianzo é un dos puntos de maior relevancia de toda a Costa da Morte”. O Concello destaca “a forte aposta pola cultura e tradición populares nun compendio de actividades que tivo o Castelo como punto primordial pero que abrangueu tamén puntos destacados como o Castro das Barreiras, os Batáns ou as novas rutas de sendeirismo para coñecer todos os recunchos do noso municipio, que son moi variados e moi ricos culturalmente e tamén en biodiversidade”.
Foron un total de 23,000 persoas as que escolleron Vimianzo como destino turístico durante a tempada estival, entre o 14 de xuño e o 15 de setembro.
Sen dúbida o Castelo é o motor, e ademais de varios casamentos, o museo de artesanía en vivo e os seus obradoiros de olería de Buño, de barcos de madeira ou sobre como traballar o liño, foron actividades moi demandadas. As visitas teatralizadas foron unha das actividades máis demandadas, con 1.789 persoas asistentes, e as visitas guiadas rexistraron 1294 visitantes, con especial fincapé no Castro das Barreiras, no dolmen de Pedra Cuberta e nos Muíños e Batáns do Mosquetín.
A concelleira de Turismo, Beatriz Pazos, quixo agradecer “dunha maneira especial a todas as persoas que integran os equipo da área de Turismo e de Cultura do Concello de Vimianzo, con Mariví Amigo e Nieves Lema á cabeza, quenes se encargaron de todas as visitas guiadas e programación cultural nestes tres meses, traballadoras e traballadores municipais implicados nun contexto que hoxe, con estas cifras que expoñemos, ten os seus merecidos froitos”.