Martes. 15.10.2024
El tiempo

Vimianzo retumbou co Ailaralala das Tanxugueiras

Tanxugueiras en Vimianzo. 1
Vimianzo retumbou co Ailaralala das Tanxugueiras

Foi o seu primeiro concerto da Xira Midas na Costa da Morte e a Costa da Morte respondiu. Xente de Vimianzo, Zas, Cabana, Malpica, Fisterra, Muxía, Ponteceso e de moitos outros lugares de toda a comarca vibraron onte co concerto que ofreron as Tanxugueiras na zona da Braña, situada ao carón da Casa da Cultura de Vimianzo.

Vinte e catro horas antes os ánimos non eran os mesmos. O Concello de Vimianzo - organizador do evento - viuse na obriga de suspender o concerto previsto para o 16 de maio debido ás fortes rachas de vento que azoutaron en toda a comarca. “Desde o Concello de Vimianzo comunicamos que o concerto de TANXUGUEIRAS previsto para esta noite queda ADIADO para mañá, martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 21:30 horas. En constante contacto tanto co equipo de montaxe como das informacións dos modelos meteorolóxicos, as previsións de vento fan que non se poida garantir tanto a seguridade das artistas nin do público, o que fai inviable a celebración do evento esta noite”, foi parte do comunicado que emitiu o Concello de Vimianzo dúas horas antes do concerto. Esta decisión provocou un fondo malestar entre moitas das persoas que tiñan previsto asistir e que o expresaron a través das redes sociais. Horas despois o Concello ofreceu a posibilidade de solicitar a devolución dos 10 euros da entrada.

Tanxugueiras en Vimianzo

A climatoloxía quixo que o concerto das Tanxugueiras se celebrase no día das Letras Galegas, para ás que tiveron unha mención especial as compoñentes do trío de moda. Durante o concerto tamén fixeron referencia á súa identidade; “sabemos quen somos e levamos a nosa música e a nosa cultura aló por onde imos”. Durante a hora e cuarto que durou o espectáculo, Aida Tarrío e as irmáns Olaia e Sabela Maneiro acompañadas de dous percusionistas intepretaron ante un público entregadísimo éxitos como O Querer, Pano Corado e Terra, co que quedaron ás portas de representar a España no Festival de Eurovisión 2022. E como non podía ser doutra maneira ese foi o tema elixido para o final da actuación no que estiveron acompañadas das voces dun entregadísimo público.

O seu paso pola Costa da Morte

Antes de que as Tanxugueiras conquistaran toda España xa actuaran en varias ocasións na Costa da Morte. No 2017, estas bravas con raíces en Mazaricos, estiveron na Muíñada de Vimianzo, no 2018 no Festiletras e no ciclo “Ao Son Delas” do Instituto de Baio e no 2019 na Carballeira de Zas, entre outros lugares.
 

Novas relacionadas

Comentarios