Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Vimianzo volve apostar pola Programación Cultural continua

Vimianzo volve apostar pola Programación Cultural continua
Programa Vimianzo outubro-novembro-decembro 2013 A envexa de toda a bisbarra son esas sesións dominicais de teatro no Auditorio da Casa da Cultura do Concello de Vimianzo. I é que precisamente o feito de saber que cada domingo hai obra, favorece que cada vez haia máis e máis seguemento. O FIOT de Carballo, xa en marcha, é un bo exemplo. Así, esta fin de semana bota a andar a programación do Auditorio da Casa da Cultura para os meses de outubro a decembro, e o broche de saída será, nin máis nin menos, que a estrea da nova función de Talía Teatro, un espectáculo dirixido ao público infantil e xuvenil que nos leva a unha reflexión sobre o uso e, en moitas ocasións abuso, que estamos a facer das novas tecnoloxías. Xango, a moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina, é o título do novo espectáculo protagonizado por Toño Casais e Dani Trillo e dirixido por Diego Rey, autor tamén da peza. Todos eles de sobra coñecidos en Vimianzo e en toda a Costa da Morte. O venres día 4 de outubro será a presentación oficial do espectáculo cunha rolda de prensa na Casa da Cultura e o domingo, ás 20 horas, teremos a ocasión, grandes e pequenos, de gozar de Xango. Continúa todo o mes de outubro con teatro. O día 13 será Teatro do Aquí o encargado  poñer en escena Criaturas, unha peza de Roberto Vidal Bolaño, magnífico espectáculo cun excelente elenco actoral entre os que se atopa o vimiancés Vicente de Souza. O día 20 Teatro de Cámara Ditea, compañía xa coñecida polo público vimiancés, poñerá en escena Acto Imprevisto. E o 27 de outubro reamtamos o mes do teatro cunha das funcións que máis dou que falar durante o 2013 Gaivotas subterráneas,  unha coprodución de RTA, Talía Teatro e Voz Audiovisual, que traerá a Vimianzo aos coñecidos  actores Xavier Deive e Luís Iglesia. A música chega ao Auditorio no mes de novembro cun Concerto de artistas locais o domingo día 3, un concerto que pretende darlle a oportunidade de subir ao escenario a novos talentos vimianceses, música de diferentes estilos para todos os gustos. O seguinte domingo Comisa Bal traerá da man dos intérpretes Javier Sexto e Gutier Álvarez a evolución da música dos salóns de baile de Galicia de principios do séc. XX. O domingo día 17 terá lugar o III Encontro de Corais da Terra de Soneira coa participación das corais dos tres concellos que forman esta comarca: a Coral Municipal de Mulleres de Camariñas, a Coral Polifónica Xan Mella de Baio – Zas e a Coral Polifónica Lusco Fusco de Vimianzo. E remataremos o mes cunha lembranza das melodías clásicas das bandas sonoras do cinema cun percorrido polo swing americano, a bossa nova e os boleros da man de Cool Hámster Dúo. Na antesala do Nadal comezamos decembro cun espectáculo multiplidisplinar onde a danza e o novo circo se conxugan á perfección coa narración teatral co espectáculo Viaxes en danza e o día 8 antes de adentrarnos na programación máis propia do Nadal o público será partícipe  co ilusionista Álvaro Muras na creación de A ilusión dun músico, un espectáculo que une música e maxia no que o público ten un papel fundamental. Pero tamén o domingo comeza outra actividade moi agardada polos nosos maiores: o  Baile Social, que, ao igual que ano pasado, terá lugar todos os domingos a partir das 19 horas no Restaurante Pastoriza de Vimianzo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios