mércores. 30.04.2025
El tiempo

A Vivenda Comunitaria de Vimianzo, 20 anos de coidados

ACTO VIVENDA COMUNITARIA 4 copia
A Vivenda Comunitaria de Vimianzo, 20 anos de coidados

O Concello de Vimianzo celebrou na xornada de hoxe, 14 de marzo, o vixésimo aniversario da Vivenda Comunitaria. Do mesmo xeito, cumpríronse tamén dúas décadas da posta en marcha dos servizos de comedor e lavandaría sobre rodas. 

O evento contou coa participación da deputada de Benestar Social, Mar García Vidal, membros da corporación municipal actual e da lexislatura na que se puxo en marcha (2003-2007), persoal actual e o que estreou o servizo, e as persoas usuarias.
Todo comezou nunha praza de mercado municipal e, desde aquel 10 de marzo de 2005, a Vivenda Comunitaria acolleu a 53 persoas e máis de 25 persoas traballaron para facelo posible. Neste tempo, o comedor e lavandaría sobre rodas beneficiaron a 229 persoas.

O xerente da empresa concesionaria do servizo, José Manuel Pastoriza, foi o encargado de abrir o acto facendo referencia á importancia de contar con servizos que garantan o benestar das persoas. 

Sandra Abeijón, traballadora social, estivo presente no comezo “do que era unha gran aventura e que hoxe é un gran orgullo manter. Estes servizos son esenciais para os nosos maiores, para loitar contra a soidade das persoas, e debemos sentirnos profundamente agradecidos por poder seguir desenvolvéndoos”.

VIVENDA COMUNITARIA Vimianzo-Servizo Axuda Fogar-Maiores

A concelleira de Benestar Social, María José Pose, destacou “a enorme relevancia destes servizos ao longo destes vinte anos” e sinalou que a Vivenda Comunitaria “representa un espazo esencial para a atención e acompañamento para as persoas” e recoñeceu o labor “de todo o persoal implicado desde os seus inicios. Moitas grazas por facer desta vivenda un fogar”, concluíu.
Pola súa parte, a deputada de Benestar Social, Mar García Vidal, salientou “o compromiso da Deputación da Coruña cos concellos rurais, sempre estaremos ao voso carón, intentando axudar na medida do posible a que servizos coma este, tan fundamentais, sigan levándose a cabo” e, continuou, “impulsando outros e ofrecendo liñas de axudas que nos permitan facer posible que a xente maior se sinta sempre como na súa casa”.

O acto foi clausurado pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quen se dirixiu a cada un dos doce usuarios “os verdadeiros protagonistas do día de hoxe” e agradeceu “a quen naquel entón, en 2005, nun gran acto de valentía, decidiu confiar e atreverse a impulsar un proxecto dunhas características únicas. Hoxe nós mantemos o seu legado coa mesma ilusión que a que se puxo naquel primeiro día” e salientou o compromiso municipal con “seguir promovendo e apoiando iniciativas sociais que garantan servizos de proximidade e de calidade para a nosa veciñanza”.

Ao finalizar o evento, realizouse unha entrega de agasallos en agradecemento ao persoal e ás persoas usuarias da Vivenda Comunitaria.

VIVENDA COMUNITARIA Vimianzo 2025

Comentarios