Xabier Díaz e Herdeiros da Crus tocarán na XXII edición do Asalto ao Castelo
21:35 28/03/17
Comezan a soar os festivais máis importantes da Costa da Morte. Precisamente os irmandiños de Vimianzo acaban de anunciar a dous dos protagonistas da XXII edición do Asalto Ao Castelo. Xabier Díaz - xunto coas Adufeiras de Salitre - subiráse ao escanario vimiancés para traer o mellor da música tradicional. E o rock máis bravú estará presente da man de Herdeiros da Crus. O sábado 1 de xullo será o día grande dunha festa que se alonga durante as semanas previas con actividades que se irán desvelando pouco a pouco. A organización prepara o aniversario dos 550 anos do comezo da Guerra Irmandiña en 1467.
Xabier Díaz compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego. Formou parte do grupo Berrogüetto, desde inicios de 2008 até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda. Durante este tempo editaron os discos Kosmogonías (2010) e O pulso da terra (2011). Participou xunto a Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero no proxecto aCadaCanto co que editaron aCadaCanto (2012) e A Rosa D`Adina (2014). No ano 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, que obtivo o galardón ao mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e ao mellor álbum na categoría de música tradicional dos premios Martín Códax da Música Galega (2016). Alén diso, The tambourine man, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016.
Pola súa parte, Herdeiros da Crus é unha banda que marcou a infancia de moitos cativos que agora xa son nenos grandes, o grupo de rock bravú por excelencia chega ao Asalto ao Castelo co seu estilo rompedor para unha festa de revolución. As letras descaradas e divertidas, as guitarras poderosas, o falar natural, con gheada e seseo, e a actitude provocadora e irreverente, fixeron dos Heredeiros todo un símbolo para milleiros de galegos e galegas dos anos 90, famentos de música e cultura coa que identificarse, un movemento que moitos bautizaron como rock bravú e do que son herdeiros moitos dos grupos galegos contemporáneos.
Novas relacionadas
- Asalto 2016: Os irmandiños volven a Vimianzo
- Asalto 2016: Dezaoito pinchos irmandiños poñen o toque gastronómico do Asalto ao Castelo
- Asalto 2016: O Asalto ao Castelo premia aos mellores traxes medievais e ás fachadas mais singulares
- Asalto 2016: Os irmandiños presentan o cartel do XXI Asalto ao Castelo
- Asalto 2016: Póñense á venda as primeiras entradas para a Cea Medieval do Asalto
- Asalto 2016: Ábrense as inscricións para a VI feira artesanal do Asalto ao Castelo
- Asalto 2016: Os hostaleiros de Vimianzo prepáranse para os pinchos irmandiños
- Asalto 2016: O Asalto ao Castelo quece motores cunha reunión organizativa
- Asalto 2015: O XX Asalto ao Castelo 2015, xa no youtube.
- Asalto 2015: A representación teatral reivindica a singularidade dos 20 anos do Asalto ao Castelo.
- Asalto 2014: Os rollos da Marquesa; gañador dos pinchos irmandiños do Asalto ao Castelo de Vimianzo.
- Asalto 2013: Asalto ao Castelo, a traca final (en vídeo).
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Asalto ao Castelo