29 obras optan a participar na VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose
Só quedarán 5, pero o bo estado de saúde da VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose demóstrase coas 29 propostas presentadas para saír ao escenario os días 15, 22 e 29 de abril e 6 e 13 de maio nos Auditorios de Zas e de Baio..
Tócalle ao Xurado, formado por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius, visualizar as 29 obras de teatro que optan a participar nesta edición na que se repartirán 3.500 euros en premios.
Lugo, As Pontes, Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Vedra, Vigo, Teo, Ferrol, Coles (Ourense), Mugardos, Narón, Cambre, Corcubión, Tomiño, Ares e Nigrán son algúns dos lugares dende onde chegan as obras de teatro que, na súa maioría, pertencen ao xénero da comedia.
Este é un certame organizado polo Concello de Zas, a través do seu departamento de cultura, que ten como propósito fomentar o teatro amateur feito en galego.