Venres. 19.04.2024
El tiempo

#30anosdeBadiusTeatro: O estado de saúde do teatro costeiro aproba con nota

#30anosdeBadiusTeatro: O estado de saúde do teatro costeiro aproba con nota
30 anos de Badius Teatro Programa polos 30 anos de Badius Teatro

Estes días cumpre 30 anos unha compañía moi especial. Badius Teatro leva repartindo risas a esgalla dende 1984, aí é nada. Probablemente o grupo de teatro afeccionado máis lonxevo de Galicia.

Están colleitando pequenos vídeos de felicitación a través do seu Facebook para amar uns parabéns como se merecen. E nós, para celebralo, falamos con Marco Álvarez, xunto a Pablo Soto, o Pibe, as almas deste grupo, que como sempre dicimos, ademais de repartir risas enriba do escenario, leva moitos anos formando en artes aos peques da zona.


  • QPC: Como comezou Teatro Badius aló polo 1984? Por certo, quen o formou?

En Baio sempre houbo unha tradición teatral. En moitas ocasións (festas populares, primeiras comunions, semana santa, nadal, ...) se representaban pequenas obras de teatro. Esa tradición foise transmitindo de xeración en xeración ata que no 1984 un grupo de mozos do pobo de Baio, despois de ser os fundadores da Asociación Adro organizaron un festival de teatro con grande éxito, o que os levou a crear unha sección de teatro dentro da asociación cultural Adro.
Aos poucos anos se "independizaría" formando o grupo de Teatro Badius. Dos membros fundadores hai 30 anos seguen en activo no grupo Ricardo Vigueret, Alberto Villar, Maca Fernandez, Gloria Regaldíe e un servidor, Marco Álvarez.


  • QPC: Que cambiou na escena teatral de Baio e da Costa da Morte en 30 anos?

Moito. Hai mellores medios, principalmente no que se refire a instalacións. O concello de Zas cedunos un local para gardar o material e o uso dun Auditorio para os ensaios. Hai bastantes centros sociais e auditorios que reunen condicións suficientes para representar obras de teatro. En Baio actuábamos en locais cedidos por veciños, no antigo Cine Pomares, no comedor da Escola Labarta Pose,... ata que por fin hai uns 10 anos aprox. fíxose o actual auditorio no Pavillón de Deportes de Baio.
O Couto, Vimianzo, Cee, Corcubión, Dumbría,.... todos teñen uns bos auditorios para representar teatro.


  • QPC: Que nota lle darías ao estado de saúde do teatro costeiro? E ao galego?

Unha boa nota. Que haxa grupos afecionados coma Badius cunha traxectoria de 30 anos , que teñamos grupos profesionais como Talía e actores profesionais na comarca é un bo sinal. Todos os concellos teñen unha partida económica, recursos materiais e en todas as programacións culturais dos concellos tense en conta o teatro. Hai escolas de teatro e certames de teatro en case todos os concellos. Tamén hai representacións de teatro de grupos profesionais en colexios, institutos e auditorios.
Algo a ter en conta é que asistencia o teatro varía moitísimo segundo quen actúe. Cando actúas en casa o auditorio énchese, os veciños e amigos están aí, pero cando o grupo é de fóra non hai tanto público. Conseguir que a xente veña a ver teatro e non só a un veciño ou coñecido é unha asignatura pendente en algúns casos. En Vimianzo están conseguindo un público estable gracias a unha programación contínuada de representacións de teatro tanto profesional coma afecionado.

Animo á xente a ir o teatro, sexa quen sexa e de onde sexa o grupo que actúa.


  • QPC: De onde vos ben a ti e a Pibe este amor pola escena?

Pois criarse nun pobo con moitas asociacións e actividades culturais aníma e axuda. Ningún dos dous fixemos "carreira" no fútbol, que en moitos lugares e a principal actividade de ocio dos rapaces. Nos tivemos a sorte de dende nenos ver como os nosos amigos, veciños e familiares facian teatro, e como todo nesta vida probamos, gustounos e aí seguimos.

Pablo Soto e Marco Alvarez son os mestres da Escola de Teatro Badius

Recopilatorio Badius 1993-2007

Recopilatorio 1984-1992

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios