Martes. 17.09.2024
El tiempo

A Coral Xan Mella ponse de xira polo 15º aniversario

A Coral Xan Mella ponse de xira polo 15º aniversario
Coral Xan Mella de Baio Coma se fose unha auténtica banda de rock a nivel mundial, a Coral Xan Mella de Baio vai ter un frenesí tremendo de aquí a final de ano. Este sábado 7 de outubro xa subirá ao escenario ás 19:00 horas na Igrexa de Luou (Concello de Teo) no XVIII Encontro de Corais cunha actuación dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña (colaboradora coa entidade como o concello zaseiro). A coral labartiana compartirá escenario coa coral anfitrioa e o Orfeao de Loureiro de Oliveira de Azemeis (Portugal). Sen tempo a descansar as gorxas, o xoves 12 de outubro a coral que dirixe Tatiana Pankrátova cantará a misa das 12:00 na Igrexa nova de Baio pola memoria do presidente fundador Pepe Valiña ao cumprirse 13 anos do seu pasamento. O sábado 28 de outubro toca viaxe, a terras asturianas para cantar unha misa ás 20:00 horas na Igrexa de San Juan el Real de Oviedo. Ao remate da misa darán un concerto na mesma igrexa xunto á Coral polifónica do Centro Asturiano da capital carbayona. Non pararán tampouco no mes de novembro, cando convidados pola coral Ecos de Bergida, cantarán en Cacabelos (León) para celebrar a festividade de Santa Cecilia, patroa da música. O concerto será o día 25 ás 20:00 horas. E o peche do ano, como non podía ser doutro xeito, será co XIV Memorial Pepe Valiña o sábado 16 de decembro na Igrexa nova de Baio, concerto no que celebrarán o seu 15 aniversario, acompañados polo Coro Xoven da Esmu Pepe Valiña de Baio, a Coral de Luou (Teo) e a Coral polifónica ferrolana.

Fonte

Comentarios