Mércores. 03.06.2020
El tiempo

A regueifa tamén é cousa dos máis novos

A regueifa tamén é cousa dos máis novos

regueifesta-compostela-2018 Escolares de 30 centros educativos de Galicia reunironse onte en Santiago durante o Regueifestas. Imaxe: Facebook Enreguéifate Un milleiro de escolares fixeron vibrar onte o Auditorio de Galicia (Compostela) no III festival Regueifesta poñendolle así o broche final á presente edición do proxecto Enreguéifate no que participaron máis de 70 grupos de escolares. Ao longo de todo o ano académico, os alumnos e alumnas traballaron a improvisación oral en verso nas aulas descubrindo así todos os valores e caulidades que agocha: é un gran elemento didáctico coas súas rimas e métricas, axuda a desenvolver competencias persoais tales como a improvisación, a autoconfianza, a memoria, a creatividade, esperta vocacións, axuda a manter relacións e mantén vivo o noso patrimonio cultural. Durante o encontro, ademais de desfrutar de demostracións en directo os participantes tiveron a oportunidade de coñecer outras manifestación de repentismo galegas (o brindo do Courel, as bombas de Vilariño de Cousa ou os altos Xenerais do Ulla), así como a improvisación oral doutros lugares como a o bersolarismo vasco e a glosa catalá. regueifesta-euskadi O alumnado vasco trouxo as "bertsolaris" ao Regueifesta. Imaxe: Facebook Regueifesta Entre os asisitentes estaban alumnos e alumnas de distintos centros educativos de toda a comunidade galega (Compostela, Teo, Ames, Padrón, Pobra de Trives, Viveiro, Cambre, Rianxo, Boiro, Lugo, Pontevedra, Burela, Vila de Cruces) e da Costa da Morte (Carballo, Vimianzo e Baio). No encontro tamén había escolares cataláns e vascos. Foron eles tamén os encargados de subirse onte ao escenario para demostrar o gran movemento socio-educativo que están impulsando. "É moi positivo o feito de que hoxe se xunten aquí distintas culturas: a regueifa galega, o bertsolarismo vasco e a glosa catalá", dixo durante o evento Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, que asistiu ao acto no que estaban tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero. A Regueifesta deste ano presentárona os regueifeiros Alba María e Josinho da Teixeira e os profesores impulsores do encontro, Manolo Maseda e Sechu Sende, coa colaboración dos nenos e nenas do Clube de Regueifa da Escola Semente (Santiago), o alumnado do IES Antonio Fraguas (Santiago), do proxecto Modelo Burela do IES Perdouro (Burela), do CEIP de Pobra de Trives, do IES A Cachada (Boiro), do IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas) e do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Ao longo de todo o evento, tivo protagonismo o estudantado procedente dos diferentes centros participantes e tamén unha delegación de bertsolaris e outra de glosadors adolescentes chegados do País Vasco e de Cataluña, respectivamente. Uns e outros fixeron unha demostración das súas formas de improvisación. No marco desta festa entregáronse tamén os doce premios do II Concurso Enreguéifate -impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago e Teo- no que participaron case un cento de vídeo-regueifas. Obradoiros en Zas e en Baio Hoxe, os alumnos e alumnas do CPI de Zas e do CEIP Labarta Pose de Baio participarán nuns obradoiros didácticos sobre a regueifa que impartirán as regueifeiras Alba María e Lupe Blanco. A actividade está organizada polo Concello de Zas, a través da concellería de Cultura, e nela abordarase aspectos como a historia desta tradición oral, as similitudes co rap e tamén unha parte práctica na que se implicará todo o alumnado.

 

Máis información

Novas relacionadas

  Fonte

comentarios