Abre finalmente a ITV de Zas tras moitos anos de loita


Dende hoxe, 4 de xullo de 2012, xa non teremos que esperar que chegue o Camión da ITV (seguiremos agardando polo do DNI, ou polo da resonancia...) e tampouco haberá que ir ata Arteixo ou ata Santiago a pasala ITV. Xa podemos quedar a pasar a inspección técnica de vehículos en Baio, en pleno corazón da Costa da Morte, a tiro de uns e outros. A nova nave, no polígono do Allo, a un quilómetro escaso de Baio, abre dende hoxe.
Longa loita
I é que a apertura é o remate dunha longa noite polas infraestruturas na Costa da Morte. Unha loita coa administración galega, pero tamén unha loita interna. Dende o nacemento deste xornal, aló polo 2007, a ITV foi protagonista. Primeiro houbo que convencer a Xunta de que a Costa da Morte necesita unha ITV. Para iso houbo que unirse, tivo que tirar a FECOM dunha Costa historicamente segregada, distanciada, pouco habituada a unirse e reivindicar conxuntamente.
O exemplo deuno o PP de Vimianzo, solicitando para o seu concello a infraestrutura e paralizando durante anos a necesaria obra. E iso que a categoría de Baio como capital do automóbil está máis que gañada.
Unha vez superada este obstáculo interno, a Xunta decidiu no 2008 situar a ITV en Baio. Pero pasaron 4 anos dende aquela, e moitas cousas entremedias. Moitos retrasos, moitas promesas a medias, moitas esixencias e unha das poucas demostracións de que a Costa da Morte sabe manifestarse. Foi en maio de 2011 cadno máis de 3.000 persoas saían á rúa en Baio para pedir a ITV Xa!.

Aínda pasou ano e pico, e novos retrasos ata o día de hoxe, no que podemos felicitarnos de que por fin, temos unha ITV na Costa da Morte.
Máis información e cita previa

Polo de pronto hai espazo abondo para estas vindeiras semanas, pois a xente aínda non se atreveu a preguntar. Pero xa poden solicitar Cita Previa na ITV de Zas.
- SYC ITV: Cita Previa na ITV de O Allo, Zas.
Novas relacionadas
- 01-11-11: Por fin comezaron as obras da ITV de Zas.
- 03-06-11: A Xunta asegura que a ITV estará rematada en outubro.
- 02-05-11: Manifestación pola ITV: A Costa da Morte sabe manifestarse.
- 07-03-11: A Costa da Morte e Zas únense, con excepcións, pola ITV.
- 23-09-09: Primeiro toque de atención a Neria trala nova polémica sobre a ITV.
- 23-05-08: A ITV terá finalmente a súa sede en Baio.
- 05-11-07: O PP de Vimianzo segue coa súa loita particular pola ITV .
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).