Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Baio acolleu un interesante Faladoiro Forestal Sostible

Faladoiro Forestal en Baio
Baio acolleu un interesante Faladoiro Forestal Sostible

Esta pasada semana, dentro das accións enmarcadas no proxecto de Cooperación "Paisaxes Intelixentes" no que o GDR Costa da Morte participa xunto con outros 4 GDRs (Asociación de Desenvolvemento Ribeira Sacra - Courel; Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes; Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela e Asociación de Desenvolvemento Local Deloa), desenvolveuse o faladoiro sobre "Xestión Forestal Sostible" celebrado no Centro Social de Baio.

O faladoiro centrouse en ofrecer unha visión xeral sobre as posibles estratexias a desenvolver nos territorios para a administración e uso dos bosques e terreos forestais dunha maneira que manteñan a súa biodiversidade e o seu potencial para cumprir coas funcións pertinentes en materia social, económica e
ecolóxica a nivel global sen causar danos a outros ecosistemas.

Ao evento asistiron ao redor de 50 persoas ás que se lle entregou un agasallo consistente nun paquete de 300 gramos de Faba Galaica producida no territorio, nun campo experimental no marco do proxecto de cooperación.

As temáticas centrais deste faladoiro foron as seguintes:

  • Mercados de carbono para a xestión forestal.
  • Certificación PEFC de xestión forestal e cadea de custodia de produtos forestais.
  • Os modelos silvícolas como ferramenta de xestión.
  • Exemplos de xestión forestal. Poñencias: CMVMV Baroña, Porto do Son (A Coruña); SOFOR Monte de Olveira, Dumbría (A Coruña).


Ao remate do acto ofreceuse un aperitivo aos asistentes para concluír a xornada degustando uns viños e uns pinchos e charlando ao redor das mesas sobre os aspectos máis destacados do faladoiro.

Máis faladoiros

A serie de faladoiros continúa: 

  • Xoves 14 de setembro ás 19:00 horas no Hospital dos Peregrinos - Santa Margarida (Montemaior - A Laracha): XESTIÓN CONXUNTA DO TERRITORIO
  • Xoves 21 de setembro ás 16:00 horas na Casa da Cultura de Vimianzo: XESTIÓN GANDEIRA E DE FORRAXES

Comentarios