Luns. 29.04.2024
El tiempo

Recuperan a variedade tradicional do “Repolo de Bergantiños”

Produtores Locais Paisaxes Intelixentes repolo de GDR
Produtores Locais asinando o protocolo do GDR e recollendo plantóns de repolo no Centro EFA Fonteboa
Recuperan a variedade tradicional do “Repolo de Bergantiños”

Continúa avanzando o proxecto Paisaxes Intelixentes no que está inserido o GDR Costa da Morte, xunto con outros da provincia, que pretende espertar un renovado interese na agricultura sostible e establecer un modelo a seguir para futuros esforzos de conservación nos territorios participantes.

Nun esforzo por preservar e revitalizar as variedades tradicionais de produtos agrarios, onte tiña lugar a sinatura de convenios de colaboración con varios produtores de horta do territorio, co obxecto de poñer en marcha parcelas experimentais da variedade de “Repolo de Bergantiños”. No acto de sinatura celebrado nas instalacións do CPR EFA Fonteboa en Coristanco, o GDR entregou a cada produtor os plantóns desta variedade de repolo segundo as cantidades solicitadas por cada un deles.

Os sementeiros para producir os plantóns foron realizados polos técnicos do CPR EFA Fonteboa, entidade coa cal os GDRs de Costa da Morte e Ordes manteñen un acordo de colaboración para o desenvolvemento e seguimento destas producións, no marco deste proxecto de cooperación.

Os campos de ensaio destes produtos levaranse a cabo nas explotacións de cada un dos produtores participantes, en parcelas debidamente identificadas mediante un cartel informativo facilitado polo Grupo a cada produtor.

Con estas parcelas preténdese asegurar a diversidade e resiliencia do patrimonio agrícola local, valorizando a riqueza xenética de produtos autóctonos, así como estudiar as aptitudes destas producións no territorio e as súas características organolépticas en comparación con variedades comerciais utilizadas habitualmente e a posibilidade de multiplicación para replicar estas producións noutras parcelas do territorio ou dos territorios do resto de Grupos participantes no proxecto de cooperación. 


Últimas novas do GDR

Comentarios