As Bibliotecas de Zas prestaron preto dun milleiro de libros en 2024

As cifras das Bibliotecas Municipais do Concello de Zas seguen en aumento. As dúas bibliotecas, a de Zas e a de Baio, rexistraron ao longo do 2024 máis de 950 préstamos gratuítos de libros. Unha cifra superior á dos anos anteriores.
Tamén aumentou o número de persoas que fan uso deste servizo, xa que a finais do ano pasado había un total de 400 socios e socias dos cales máis de 100 foron prestameiros activos. As dúas bibliotecas municipais están incluídas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia o cal permite, entre outras cousas, consultar os materais dispoñibles e que en total son máis de 11.200 títulos de diferentes xéneros e idiomas. Esta consulta pode realizarse a través da seguinte ligazón: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/
Este é un servizo gratuíto para toda a veciñanza e para facer uso del é necesario ter o carné de usuario/a que se pode realizar de forma instantánea en calquera das dúas bibliotecas. Con este carné o usuario/a tamé pode acceder a calquera biblioteca incluída dentro da Reda Galega así como á plataforma de libro electrónico GaliciaLe.
Ler Conta Moito
As bibliotecas do Concello de Zas tamén están incluídas dentro do programa de dinamización da lectura “Ler Conta Moito”, promovido pola Xunta de Galicia, a través do cal o Concello de Zas promove a lectura entre a rapaza cun programa de contacontos infantís que teñen como convidados especiais aos “Ratiños de Lonxedetodo".