A Costa da Morte, confín de Europa
- A guía realizada por Xan Fernández Carrera, foi presentada pola CMAT na Fitur

É un libro, de Xan X. Fernández Carrera, editado pola Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) e patrocinado pola Axencia de Turismo de Galicia, que pretende dar a coñecer e poñer en valor a riqueza patrimonial da Costa da Morte a través dunha información divulgativa de todos daqueles lugares máis salientables desta rexión xeográfica.
A publicación en formato guía, consta de 430 páxinas de texto en galego e castelán, ilustrado con máis de 200 fotografías a cor e varios mapas co trazado das rutas propostas.
O seu contido está dividido en dous grandes apartados: un primeiro que fai referencia ao contexto xeográfico, histórico e cultural deste territorio, no que se recolle información sobre a orixe do topónimo “Costa da Morte”, a paisaxe, o clima, a vexetación, a poboación, os recursos económicos, a historia, as lendas e a gastronomía de toda esta zona litoral.
E un segundo apartado, o máis extenso, de rutas que percorren toda esta ampla demarcación costeira tanto para realizar en vehículo como a pé. No primeiro caso propóñense seis rutas que discorren polos 17 concellos da Costa da Morte, a través das que se visitan todos aqueles lugares de maior interese natural, paisaxístico, histórico ou cultural. A meirande parte delas teñen un trazado circular, polo que permiten ao viaxeiro incorporarse en calquera punto do traxecto. Cada unha está pensada para realizar durante unha xornada e o propio excursionista ten a posibilidade de elixir as paradas que mellor se adapten aos seus intereses.
Dentro das rutas a pé, hainas de curto percorrido, que conducen ao camiñante a ter un contacto máis próximo e intenso co territorio, concretamente con aqueles espazos nos que a natureza e a historia acadan unha maior potencialidade. En conxunto propóñense 13 rutas de curto percorrido para realizar nunha xornada cada unha delas e dúas de longa distancia: o Camiño dos Faros e o camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, andainas de varios días.
O libro oferta un contacto e unha información sobre o territorio ampla e diversa, para que o viaxeiro, primeiro adquira un coñecemento de conxunto do espazo xeográfico que vai visitar, e logo ofrécenselle un abano de propostas para que elixa aquelas que mellor se adapten a súa disposición de tempo ou expectativas persoais. Unha información sinxela e útil sobre a Costa da Morte para que calquera visitante que escolla este destino turístico lle facilite confeccionar un programa de viaxe ao seu gusto. Máis tamén esta proposta de guía vai dirixida a todas aquelas persoas que habitan na propia zona e que se interesen por coñecer a gran riqueza patrimonial do espazo no que viven, para que se sintan orgullosas da fortuna que significa dispoñer e gozar de todos estes bens patrimoniais, e ao mesmo tempo, tomen conciencia do seu valor e da necesidade de protexelos.
Máis novas
OUTROS ARTIGOS DE XAN FERNÁNDEZ CARRERA
- A Costa da Morte e o seu potencial turístico
- Recuperemos o Monte Neme.
- Muxía e os secadoiros de congro.
- Eolicos sobre os Penedos: Novo ataque á Costa da Morte.
- Bergantiños, da abundancia ao abandono.
- “A historia da Costa da Morte do século XX resultaría moi difícil de escribir sen consultar a obra de Ramón Caamaño e José Vidal”.
- A Ponte do Porto, do esplendor á decadencia.
- A orixe da vila da Ponte do Porto.
- Patrimonio e turismo na Costa da Morte.
ARTIGOS DE XAN FDEZ. DA SERIE CAMARIÑAS NO LAMPEXAR DO TEMPO
- Camariñas no lampexar do tempo (I): A historia local como protectora do patrimonio.
- Camariñas no lampexar do tempo (II): Camariñas na cartografía e documentación antiga.
- Camariñas no lampexar do tempo (IV): Vila mariñeira consolidada.
- Camariñas no lampexar do tempo (III): Dous núcleos: Aldea e Vila.