Danza e baile danse a man en Baio co proxecto ESCORA
Esta fin desemana arrincou o proxecto Escora no Concello de Zas. Unha iniciativa desenvolta por Marcia Vázquez que terá a maior parte da súa actividade pública arredor das Letras Galegas, as fins de semana do 17, 18, 19 e 25 e 26 de maio, nas rúas e paisaxes de Camariñas (Camelle), Carnota, Corcubión, Mazaricos e Zas.
Son 9 as compañías de danza galegas que se suman este ano ao programa financiado pola Deputación da Coruña, na súa liña “A Cultura é un Dereito”. E coa colaboración de once asociacións e colectivos dos concellos participantes, este ano a relación co contexto e a cidadanía toma unha forza especial.
Pero a deste pasado sábado foi unha posta en escena moi emocionante. O proxecto formula a creación dun espectáculo de danza, dirixido polo bailador e coreográfo Fran Sieira e co corpo de baile da Asociación Cultural Adro de Baio do Concello de Zas, quen tamén estarán poñendo a música en directo. Ao longo de diferentes sesións de investigación e creación escénica, o alumnado da asociación poderá vivir en primeira persoa o que significa ser intérprete nun espectáculo de danza, transitando entre o tradicional e o contemporáneo. As xentes de Adro aprenderon novas texturas e xeitos de moverse con total implicación.
O resultado poderá verse o vindeiro 17 de maio, como celebración das Letras Galegas, no Concello de Zas, como nos resto de concellos costeiros.