Xoves. 19.09.2024
El tiempo

Denuncian a falta de exposición pública do soterramento baixo a Autovía do xacemento calcolítico do Valouco

Denuncian a falta de exposición pública do soterramento baixo a Autovía do xacemento calcolítico do Valouco

Fai xa varios anos que varios arqueólogos denunciaban o soterramento do xacemento calcolítico do Valouco baixo a Autovía Costa da Morte, en Baio, Zas. E esta semana, recupera o asunto a Asociación Cova Crea preguntando á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o devandito sepultamento.

A entidade lamenta que “o acceso ao estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como ao plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación da acrópole de O Valouco, fose substraído da preceptiva exposición pública, vulnerándose por tanto a normativa de avaliación ambiental de proxectos e a garantía da protección da paisaxe e do patrimonio cultural e arqueolóxico neste caso”.

Consideran “lamentable que a solución final de soterrar o xacemento só fose coñecida polas Administracións implicadas, e non fose sometida á exposición pública como debera segundo a normativa vixente”. Por iso no día de hoxe solicitan máis información.

De feito, denuncian que “a falla de somemento á exposición pública do proxecto de impacto sobre o patrimonio cultural e arqueolóxico vulnera a Lei galega da paisaxe, o Convenio europeo da paisaxe, e impide á cidadanía valorar as alternativas propostas polas Administracións implicadas para a protección do xacemento, coñecer a integración paisaxística da medida finalmente elexida (o soterramento baixo das obras da autovía), e por tanto, impide ás persoas interesadas e o público lexitimado participar na adopción da solución máis axeitada para a protección do patrimonio cultural e arqueolóxico”.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios