Dúas entidades de Zas recibiron axudas da Xunta para a mellora dun sendeiro e a canalización
A asociación de veciño A Fonte de Fornelos e a Comunidade de usuarios para o aproveitamento da auga potable da vila de Zas, recibían esta semana a visita do delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro. As directivas das entidades amosáronlle á comitiva da Xunta as obras realizadas en 2018 cos 12.000€ de axudas que recibiron da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, dentro do Plan Específico de acción comunitaria destinada a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia; comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.
A asociación recuperou un sendeiro ao longo do río que toma o nome do municipio e a Comunidade mellorou a canalización de auga na rúa e praza da Taberna.
Ovidio Rodeiro, acompañado do voceiro do PP local David Gómez, felicitou ás entidades de Zas pola súa iniciativa e destacou que estas axudas contribúen a “fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal, sempre implicado na realidade social da súa contorna, que grazas a este programa pode impulsar melloras en infraestruturas de uso público e mellorar a prestación dos servizos básicos para beneficio de todos os veciños e veciñas”.