Luns. 06.05.2024
El tiempo

Máis de 100 pazos no pazo máis antigo de Galicia

  • A exposición Terra de Pazos marca o inicio da tempada de verán nas Torres do Allo
Exposicion Pazos nas Torres do Allo
Máis de 100 pazos no pazo máis antigo de Galicia

Quedou lista a nova exposición temporal que enche de contido o Pazo máis antigo de Galicia. Titulada "Terra de Pazos: Casas grandes da Costa da Morte”, trátase dunha mostra organizada polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña, que recolle nas Torres do Allo un centenar de construcións patrimoniais.

“Terra de pazos” toma como eixo central esas arquitecturas que foron moradas da nobreza rural galega, a fidalguía, unha clase privilexiada que durante a Idade Moderna viviu do aproveitamento da terra a través do cobro de rendas. Os pazos constituíron precisamente o centro económico e administrativo deste sistema económico que se desenvolveu en Galicia durante o Antigo Réxime entre o século XVI e XIX e que na Costa da Morte en particular aínda estivo vixente nalgunhas freguesías de maneira residual ata finais do século XX. A ollada de “Terra de Pazos” achégase ademais a unha área onde a variedade construtiva é enorme. Nela podemos apreciar edificios impoñentes, rodeados de xardíns e de elevados muros como as Torres de Cereixo (Vimianzo), o Pazo de Trasariz (Vimianzo), Romelle (Zas), Soesto (Laxe) ou Vilardefrancos (Carballo). Pero tamén presta atención a pequenas arquitecturas que en moitos casos apenas se diferenciaban das vivendas de campesiños acomodados como é o caso dos pazos de Carrabete (Laxe), a casa de Alonso de Lema (Vimianzo) ou o pazo de Senande (Muxía).

A exposición como o resto de actividades pódese visitar no horario de apertura do pazo: de luns a venres en horario de 11:00 a 20:00h e sábados e domingos de 11:00 a 21:00h.

Lolo Muino na Exposicion Pazos nas Torres do Allo
Lolo Muíño inaugurando a exposición 

Tempada de verán

Esta exposición marca o inicio da tempada de verán nas Torres que este ano conta cunha extensa axenda cultural. Comezan os campamentos de verán, a partir deste 5 de xullo empeza o popular “Escape Room do Allo”.
A seguinte cita chega o 8 de xullo cun espectáculo teatral para público familiar a cargo da Xanela do Maxín. Ás 17h realizarase un obradoiro de construción de Xigantes e ás 19:00h terá lugar un espectáculo teatral e musical aberto a público familiar titulado “A gárgola no rural. Un mundo de música, arte, teatro e tradición”.

A música seguirá sendo un dos principais atractivos das Torres co dúo Tania Caamaño e Andrés Boutureira, que actuarán o 14 de xullo pola tarde. O programa “Contos nas Torres” dedicado á narración oral traerá a dous artistas de primeiro nivel: María da Pontragha o 19 de agosto e a Caxoto o 25 de agosto. Ademais durante os domingos de xullo, agosto e os días 3 e 10 de setembro realizaranse as populares visitas teatralizadas da man dos Quinquilláns,
A tempada estival terá o seu colofón o 31 de agosto coa tradicional Romaría de San Ramón que este ano ampliará a súa oferta de actividades.

Novas relacionadas

Comentarios