Luns. 06.05.2024
El tiempo

Novo escape room e exposición para as Torres do Allo

Actividades nas Torres do Allo
Novo escape room e exposición para as Torres do Allo

Arrinca o verán nas Torres do Allo con varias actividades singulares no marco dun programa anual completísimo. Agora presenta un novo scape room e  exposición temporal "Terra de Pazos: Casas Grandes da Costa da Morte"

A inauguración da exposición é este luns 3 de xullo ás 10:30h, organizada polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña.  “Terra de pazos” é un percorrido a través da arquitectura fidalga do xeodestino Costa da Morte. Un territorio extraordinariamente rico en pazos, casas grandes e construcións brasonadas, con máis dun cento de exemplos repartidos por toda a xeografía.

A mostra toma como eixo central estas casas que foron moradas da nobreza rural galega, a fidalguía, unha clase privilexiada que durante a Idade Moderna viviu do aproveitamento da terra a través do cobro de rendas. Os pazos constituíron precisamente o centro económico e administrativo deste sistema económico que se desenvolveu en Galicia durante o Antigo Réxime entre o século XVI e XIX e que na Costa da Morte en particular aínda estivo vixente nalgunhas freguesías de maneira residual ata finais do século XX.

A ollada de “Terra de Pazos” achégase ademais a unha área onde a variedade construtiva é enorme. Nela podemos apreciar edificios impoñentes, rodeados de xardíns e de elevados muros como as Torres de Cereixo (Vimianzo), o Pazo de Trasariz (Vimianzo), Romelle (Zas), Soesto (Laxe) ou Vilardefrancos (Carballo). Pero tamén presta atención a pequenas arquitecturas que en moitos casos apenas se diferenciaban das vivendas de campesiños acomodados como é o caso dos pazos de Carrabete (Laxe), a casa de Alonso de Lema (Vimianzo) ou o pazo de Senande (Muxía).

Máis actividades

Este ano o escape room muda narrativa e con novos retos orientado ao público xuvenil e adulto. Este apaixonante xogo de escapismo estará dispoñible baixo reserva ata o 15 de setembro e realizarase de luns a sábado as 16h. A seguinte cita chega o 8 de xullo cun espectáculo teatral para público familiar a cargo da Xanela do Maxín, que se titula “A gárgola no rural. Un mundo de música, arte, teatro e tradición”.

A música seguirá sendo un dos principais atractivos das Torres co dúo Tania Caamaño e Andrés Boutureira, que actuarán o 14 de xullo pola tarde. O programa

“Contos nas Torres” dedicado á narración oral traerá a dous artistas de primeiro nivel: María da Pontragha o 19 de agosto e a Caxoto o 25 de agosto.

Ademais durante os domingos de xullo, agosto e os días 3 e 10 de setembro realizaranse as populares visitas teatralizadas da man dos Quinquilláns, que mostrarán

os secretos e a historia do pazo a través das figuras do célebre naturalista galego Victor López Seoane e a súa dona e primeira propietaria muller das Torres, Francisca Rioboo.

A tempada estival terá o seu colofón o 31 de agosto coa tradicional Romaría de San Ramón que este ano ampliará a súa oferta de actividades. Comezará co Mercado de Artesanía Tradicional pola mañá, continuará coa actuación musical do trío “Ailá” na sesión vermú, despois unha comida campestre no contorno das Torres e pola tarde actividades para nenos e nenas da man de Paco Nogueira e o seu espectáculo C@nto Contigo!

Para poder gozar de todas estas actividades o pazo abrirá de luns a venres en horario de 11:00 a 20:00h e sábados e domingos de 11:00 a 21:00h.

Novo escape room no pazo máis antigo de Galiza

Durante o verán as Torres do Allo recuperan o seu popular Escape Room, unha actividade deseñada polo Concello de Zas para coñecer a historia e segredos do pazo máis antigo de Galicia a través do xogo de escapismo “a Matanza do Allo”. Este ano o primeiro “Pazo Escape” do mundo volve ademais con temática siniestra e con probas renovadas para conseguir fuxir do pazo no menor tempo posible.

O Escape Room poderá facerse de luns a sábado, ás 16:00 horas da tarde e entre o 5 de xullo e o 15 de setembro.

O tempo asignado para resolver as probas e poder escapar do pazo estará estritamente limitado a 60 minutos.

A Matanza no Allo é unha actividade gratuíta, orientada a público adulto e para participar será preciso facer unha reserva enviando un correo a [email protected].

Comentarios