O SNL de Zas promove o uso do galego entre o tecido asociativo
19:27 15/10/10
Vemos que os poucos Servizos de Normalización Lingüística que quedan vivos traballa. E o fan arreo. Xa vimos por Zas como o SNL promove o uso do galego entre a mocidade a través do audiovisual. Pero tamén pensa nas asociacións. Así, o Concello de Zas, a través do propio Servizo de Normalización Lingüística (SNL) vén de asinar uns convenios con distintas asociacións culturais e deportivas do municipio co fin de normalizar o uso da lingua galega no tecido asociativo.
As asociacións asinantes comprometéronse a utilizar a lingua galega nas súas actividades cotiáns, nas actas, convocatorias, ordes do día e demais documentación interna, nas programacións, anuncios de actividades, etc., e a difundir entre os seus asociados e asociadas as actividades relacionadas coa lingua galega que organice o Concello de Zas.
O Concello de Zas, pola súa banda, comprométese a asesorar en materia lingüística a asociación, a elaborar un estudo sobre as súas necesidades lingüísticas e a fornecer ás entidades dos materiais necesarios para que desenvolvan as súas actividades en lingua galega.
Entidades colaboradoras
De momento asinaron o dito convenio a ANPA e amigos do colexio público de Baio, a asociación “Equus” amigos do cabalo, a asociación veciñal A Fonte de Fornelos, a asociación de mulleres rurais “Saaz”, a asociación cultural-teatral Badius, a asociación de pesca deportiva Río-Mar, a ANPA da Galescola de Zas, a asociación deportiva Su a agra, a asociación de baile tradicional Churía, a AMC Xan Mella, a asociación cultural Castro Meda e o Sporting Zas, que contan, en conxunto, con máis de 2.000 socios e socias e estano estudando as directivas doutras asociacións do municipio. Esta experiencia será presentada o vindeiro mércores 20 de outubro no marco do IV Encontro de política lingüística para as administracións locais da Coruña que se desenvolverá en Carballo.Máis información
Novas relacionadas
- Os rapaces de Zas celebran o Samaín en vídeo.
- O Concello de Zas edita unha guía de produtos culturais en lingua galega.
- A bitácora da semana (LXXIV): O blog do SNL de Zas.