Os datos do Servizo de Axuda no Fogar de Carballo e Zas
07:20 21/11/17
A maior parte dos usuarios dos Servizos de Axuda no Fogar son dependentes
Ainda que a Xunta de Galicia é a administración competente na atención ás persoas dependentes, o Servizo de Axuda no Fogar - SAF - é un dos cabalos de batalla do departamento de Servicios Socias de calquera concello. Onte, os gobernos municipais de Carballo e de Zas daban a coñecer as cifras deste servizo así como as súas principais trabas.
En Carballo, a súa xunta de goberno local vén de adxudicar este servizo á empresa Servizos Sociais Ulla-Sar por un importe de 2,6 millóns de euros para un período de catro anos - con posibilidade de dous anos máis de prórroga -. Dende o concello indican que se trata dunha cantidade estimada, tendo en conta, por un lado, o número de horas e os días en que se prestan, e, por outro, os prezos por hora ofrecidos pola empresa. Deste xeito, cada hora de atención a dependentes custaralle ao concello de Carballo 13,15 euros de luns a sábado e 15,40 os domingos e festivos, mentres que o prezo das horas de libre concorrencia será de 12,40 euros de luns a sábado.
A maiores, Servizos Sociais Ulla-Sar ofrece unha serie de prestacións complementarias sen custe adicional: 650 sesións anuais de fisioterapia, 450 de podoloxía, 100 de logopedia a domicilio, 450 de asistencia psicolóxica, 100 de perrucaría a domicilio, 100 de limpezas extraordinarias e 30 de transporte adaptado, ademais dunha serie de axudas técnicas tamén con carácter anual (4 camas articuladas, 4 grúas de mobilidade persoal, 4 colchóns antiescaras, 4 cadeiras de ducha-baño, 2 cadeiras de rodas, 1 par de muletas e un andador).
En materia social, a xunta de goberno local tamén aprobou onte as subvencións anuais para as entidades sen ánimo de lucro que desenvolven accións no eido dos servizos sociais. Tres das solicitudes foron rexeitadas por non axustarse ás bases, de xeito que os 32.000 euros consignados repartirons entre Íntegro, Aloumiños, Daleth, Agafi, Afaber, Fundación Amigos de Galicia, asociación cultural San Xoán, Cáritas, Vieiro, Aspaber, Cruz Vermella, Apem e Proxecto Home.
Case 1.800 horas de servizo en Zas
Pola súa banda, o concello de Zas vén de dar a coñecer as cifras deste servizo que, en declaracións do seu alcalde - Manuel Muíño - "é unha prioridade para o goberno municipal" pese as críticas lanzadas pola oposición. Todos os meses, o concello de Zas presta 1.782 horas de axuda no fogar para atender as necesidades de 69 veciños e veciñas. A maior parte - un total de 52 - son persoas dependentes que requiren un maior número de horas, 1.613 ao mes, fronte ás 169 horas mensuais dos 17 usuarios de libre concorrencia. Deste xeito, as arcas municipais destinan uns 200.000 euros ao ano a este servizo.
Dendo o pasado mes de setembro, Zas dispón de 519 horas máis ao mes despois da solicitude presentada en febreiro polo concello á consellería de Política Social da Xunta de Galicia coa finalidade de achegar a prestación ás 17 persoas que se atopaban naquel momento en lista de agarda.
Manuel Muíño alude ás as trabas administrativas para a ampliación de horas e lamenta que o concello de Zas teña un menor número de horas asignadas con respecto a outros municipios da contorna cun número similar de persoas dependentes. Malia
estas dificultades por parte da Xunta de Galicia, que é a administración competente en materia de atención á dependencia, o alcalde asegura que reivindicando as ampliacións precisas para que os veciños e veciñas de Zas dispoñan da atención que precisen.
Novas relacionadas
- O PP critica a xestión do servizo de axuda no fogar de Zas
- Desestimado o recurso contencioso administrativo contra o concello de Vimianzo polo servizo de axuda no fogar
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo
- Concello de Zas