Patrimonio e música mestúranse en Baio


Tras facer unha viaxe en vídeo pola arqueoloxía costeira, imos ata Baio para coñecer de preto os 3 novos libros que vén de editar o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) coa colaboración da Deputación de A Coruña no marco do proxecto ‘Percorrendo Vieiros da Costa da Morte’. A cita estivo organizada pola Coral Xan Mella e a Escola de Música Pepe Valiña.
A xente de Baio respondeu e case que medio centenar de persoas acodiron á sesión. Entre outras cousas porque un dos protagonistas é mestre no Instituto. Carlos Fernández Concheiro é o ilustrador do libro “O hórreo atlántico ou fisterrán. Cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza (Galicia)”, de Xosé Mª Lema Suárez, que xa fora presentado en Vimianzo pero que dada a circunstancia volveu ter incidencia.
Os outros dous libros presentados son de nova sinatura. Chema Rei Lema falou do libro “Textos literarios sobre a Costa da Morte”, un traballo de varios anos que recolle textos de diversos autores de todo o país que fan referencia á Costa. Hai de fóra, pero tamén da casa, como o poeta Labarta Pose, ou as Concha Blanco e María Canosa. De feito, foron elas mesmas as que explicaron o libro dende os seus propios textos.
O outro libro protagonista leva por título “Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte”. O presidente da SEMESCOM e autor xunto a Eva López Añón (residente en Mallorca polo que non puido estar na cita), Xosé Mª Lema Suárez, foi o encargado de achegarnos á figura de Santiago Apóstol, achegando esculturas, imaxes, retablos... de moitos lugares da Costa da Morte.

Levando cultura polos centros de ensino
Da importancia de que os escolares coñezan o valor patrimonial da Costa a base de excusións xa temos falado. Pero hai outros medios para poñer en valor o patrimonio costeiro, como ter nas bibliotecas da bisbarra exemplares destes libros e dvd editados pola SEMESCOM. De feito veñen de comezar os contactos con centros de secundaria de toda a Costa da Morte para achegarlles varios exemplares.
Máis información
Novas relacionadas
- Unha viaxe en linguagalega pola arqueoloxía da Costa da Morte coa SEMESCOM.
- Da importancia de que os escolares coñezan o valor patrimonial da Costa a base de excusións.
- O cante coral invadíu as Terras de Soneira.
- A SEMESCOM felicita a tres grandes das nosas letras e ciencias.
- Visitando os Faros e as Igrexas da Costa da Morte en vídeo e pola rede coa SEMESCOM.
- Notas dunha viaxe ao Fisterra córnico con Manuel Vilar.
- Unha de Cruceiros co Seminario de Estudios Comarcais para abrir o 2011.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).