Mércores. 21.10.2020
El tiempo

Rematan a redacción do proxecto construtivo para a ampliación da ponte de Baio

A ponte de Baio sufrirá obras cando liciten o proxecto
A ponte de Baio sufrirá obras cando liciten o proxecto
Rematan a redacción do proxecto construtivo para a ampliación da ponte de Baio

A Xunta vén de rematar a redacción do proxecto construtivo para a ampliación e mellora da ponte para peóns en Baio, na que investirá máis de 405.000 euros. Así llo trasladou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, ao alcalde de Zas, Manuel Muíño.

Na actualidade vaise comezar a supervisión técnica do proxecto e posteriormente se prevé a contratación das obras. O obxectivo da actuación, que terá un prazo de execución de 4 meses, é mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte, de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas ribeiras do río Grande.

Os traballos centraranse na ampliación da sección transversal da ponte mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voladizos en ambos laterais. Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3,00 m de ancho, beiravías de 0,25 m ou beirarrúas de 2,10 m de anchura.

O proxecto inclúe a disposición de pavimentos diferenciados para a zona de vehículos e para as beirarrúas no tramo sobre a ponte fronte aos utilizados fóra da zona da citada infraestrutura. Tamén se adecuará o entorno, tanto nas beirarrúas nas marxes do río como nos treitos de acceso á ponte, mellorando a accesibilidade peonil.

comentarios