Mércores. 23.10.2024
El tiempo

As Torres do Allo acollen unha exposición do Arquivo Vidal

Exposicion do Arquivo Vidal nas TORRES do Allo
As Torres do Allo acollen unha exposición do Arquivo Vidal

Foi inauguradada nas Torres do Allo a exposición "Zas na Ollada dos Vidal”, organizada polos Concellos de Zas e Laxe e a Deputación da Coruña.

A mostra, que permanecerá no pazo aberto máis antigo de Galicia ata finais de ano, ofrece unha escolma de trinta e unha fotografías que van desde comezos do século XX ata finais da década de 1970. Son todas elas imaxes do Arquivo Fotográfico Vidal, actualmente depositado, dixitalizado e visitable no Museo do Mar de Laxe.

O Arquivo Vidal é ademais o único de Galicia da súa categoría declarado Ben de Interese Cultural (2019) e custodia un total de 59.667 fotografías realizadas principalmente nas comarcas de Bergantiños e Soneira. Tratase por tanto dunha colección de incalculable valor documental para coñecer a evolución histórica do territorio e dos seus habitantes.

Lolo Muino vendo a exposicion do Arquivo Vidal nas Torres do Allo
Lolo Muíño vendo a exposicion do Arquivo Vidal nas Torres do Allo

O rexedor Manuel Muíño remarcou a importancia desta colección fotográfica para coñecer unha parte da historia do concello de Zas e da súa veciñanza. Do mesmo xeito sinalou que as imaxes seleccionadas para a mostra son documentos de enorme valor que mostran de xeito gráfico as transformacións e procesos de cambio de lugares como a capital municipal ou Baio.

As fotografías máis antigas seleccionadas son da década de 1910 e pertencen a Plácido Vidal Díaz (1867-1956), considerado un dos pioneiros da fotografía en Galicia e na Costa da Morte. Plácido naceu e viviu en Laxe desenvolvendo na vila a súa profesión de avogado e exercendo tamén como xuíz municipal (1895-1921), alcalde de Laxe (1927-1928) e sendo un dos creadores da sociedade “Kaolines de Lage”. A fotografía foi a súa grande paixón, que lle transmitiu ao seu fillo José María, o outro protagonista desta mostra.
As imaxes seleccionadas de Plácido, mostran varios lugares do concello de Zas (Torres do Allo, a Feira de Baio, o cruce de estradas para Santiago e Coruña, Santo André de Zas), hoxe case irrecoñecibles polas profundas transformacións que que experimentaron ao longo do século XX.

José María Vidal García (1900-1988) introduciuse no mundo da fotografía na adolescencia, da man do seu pai, comezando nese momento a rexistrar a vida cotiá e as xentes de Laxe e concellos da contorna. Ademais de fotógrafo, José María exerceu de correspondente do xornal "El Ideal Gallego", carteiro en Laxe ata a Guerra Civil e despois en Corme ata a súa xubilación en 1963. As fotos realizadas por el no concello de Zas abarcan desde a década de 1930 ata a de 1970 e mostran algúns lugares e eventos recorrentes. As festas foron obxectivo prioritario da súa cámara, especialmente o San Cristovo de Baio, a Milagrosa ou a romaría de Santa Margarida.
Tamén a Feira de Baio, onde José María tiña un posto, aparece frecuentemente e o mesmo núcleo de Baio co seu explosivo desenvolvemento urbanístico nas décadas de 1960 e 1970. A capital municipal de Zas e a estrada a Santiago é outro dos escenarios que se repite, mostrando como era o lugar antes da construción da casa consistorial no 1951. Por último, outra das facetas onde destacou José María foi na fotografía de persoas, sendo innumerables os grupos de familias ou amigos retratados na ponte de Baio, e tamén de casamentos en diferentes localizacións como a contorna das Torres do Allo.

Horarios

A mostra poderá visitarse xa co novo horario de tempada alta das Torres do Allo que que vai do 15 de xuño ao 15 de setembro. Nestes vindeiros meses o pazo estará aberto de luns a venres de 11h a 20h e sábados, domingos e festivos de 11h a 21h.

Máis novas

 

Comentarios