martes. 12.05.2026
El tiempo

A Feira das Letras abriron a programación das Letras Galegas en Zas

A Feira das Letras de Zas
Carmen Blanco e Lolo Muíño na Feira das Letras de Zas
A Feira das Letras abriron a programación das Letras Galegas en Zas

Zas desenvolve durante todo o mes de maio unha ampla programación cultural para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora e xornalista Begoña Caamaño. A iniciativa inclúe propostas para todos os públicos, con actividades literarias, musicais, teatrais, exposicións, animación á lectura e iniciativas educativas. 

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que “o Día das Letras Galegas é unha oportunidade para reivindicar o talento e o legado das nosas creadoras e creadores, pero tamén para dinamizar culturalmente o municipio cunha programación variada e aberta a toda a cidadanía”. 

A programación arrancou a pasada fin de semana coa celebración da Feira das Letras na Praza Jorge Mira de Baio, organizada polo Concello de Zas e a Asociación BaiON. O evento contou cunha variada programación cultural e de lecer, con presentacións literarias, encontros con autores e autoras, música, cinema, maxia e actividades infantís. 

Entre os protagonistas atopamos a Carmen Blanco, a Luís Lamela, José Suárez ou Josefa Suárez, nunha xornada sobre memoria histórica que tamén incluíu unha proxección da película "San Simón", finalista dos Premios Mestre Mateo.

Proxeccion na feira das letras de Zas

Programa

CARTEL ZAS  O Concello de Zas conmemora o Día das Letras Galegas cun amplo calendario de actividades culturais-

Durante este mes tamén se está a desenvolver o XVI Concurso de Marcapáxinas, dirixido ao alumnado dos centros de ensino do municipio. Ademais, as Letras Galegas estarán presentes a través das exposicións culturais que poden visitarse actualmente nos centros socioculturais do municipio: ‘Cores da Alma’, de José Maynat, no CSC de Baio, e a mostra do ‘XIX Premio Internacional Luís Ksado de Creación Fotográfica’, no CSC de Zas. 

A programación continúa esta semana con actividades de animación á lectura para o público infantil e familiar. Este luns xa houbo espectáculo de contacontos ‘Traballiños de verán’, de Trinke Trinke, na Axencia de Lectura de Baio e o martes 12 de maio ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal de Zas. 

A música e o teatro tamén terán un papel destacado nesta celebración. O martes 12 de maio a compañía Estatalá realizará funcións escolares de  ‘O romance do gato’ no CPI de Zas e no CEIP Labarta Pose de Baio. Pola súa parte, Os Meninos do Pandeiro actuarán o venres 15 de maio para o alumnado do IES Maximino Romero. 

O teatro pechará a programación especial do Día das Letras Galegas o domingo 17 de maio con dúas representacións: ‘Dous no camiño’, de Artefeito, ás 18:00 horas na Área Recreativa do Reirís, e ‘Sol Fuerza’, de aAntena, ás 20:00 horas no Auditorio de Baio. 
 

Comentarios