Zas devolve a Labarta Pose ao seu sitio na historia
Unhas 50 persoas (moitos mestres) asistiron a xornada “As múltiples pegadas de Enrique Labarta Pose” que tiveron lugar esta fin de semana no Centro Sociocultural de Baio organizadas polo Concello de Zas.
Unhas xornadas para colocar ao autor no lugar que merece, e seguir reivindicando que a Real Academia Galega lle adique o seu propio Día das Letras Galegas.
Conducidas por Tania Carreira, ao longo da mañá houbo cinco pequenas ponencias, que non superaron os vinte minutos de duración, e un coloquio.
Xosé María Lema, Catedrático en Historia e Xeografía, foi o encargado de falar do contexto histórico da época de Labarta e que en gran medida trasladou a moitas das súas publicacións nas que fala sobre o caciquismo e outras inxustizas sociais da súa época. Tal e como se dixo na xornada, Labarta Pose foi escritor, xornalista e fotógrafo. Como escritor, unha das facetas máis coñecidas del, abarcou os tres xéneros literarios: poesía, narrativa e teatro e destacou polo humor e a sátira coas que escribiu.
Ademais desta característica, Chema Rei, Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, falou do poeta social que se agocha en moitas das obras de Labarta. “A súa faceta humorística é moi coñecida pero tamén ten un compoñente social moi importante”, descatou Rei Lema quen enunciou as obras a través das cales Labarta falou de temas como o maltrato animal, o feminismo, o caciquismo e a defensa do idioma.
Debido ao seu traballo, Labarta viaxou por diferentes cidades nas que deixou unha fonda pegada. E unha delas foi Pontevedra. De analizar o seu paso pola cidade encargouse Milagros Bará, escritora e cronista local. En Pontevedra, onde hoxe en día aínda se conserva unha rúa adicada a el, viviu entre 1894 e 1902 e aquí casou e desenvolviu unha parte moi importante da súa faceta de escritor, xornalista e fotógrafo. Rodeouse dun gran círculo de amigos e relacionouse con relevantes persoeiros o que o levou a introducir na cidade de Pontevedra grandes inventos como o fonógrafo. Para Bará, a obra de Labarta ten un forte compoñente musical e incluso se atreveu a recitar un dos seus poemas a ritmo de rap.
Ricardo García Mira, Catedrático en Psicoloxía Social, falou sobre a pegada psicolóxica de Enrique Labarta Pose na que fala en múltiples ocasións da súa relación emocional con Galicia, do amor materno, da igualdade entre homes e mulleres e doutros valores que se reflicten nas súas obras.
O encargado de rematar a quenda das intervencións foi Xosé Manuel Varela Varela, Licenciado en Filoloxía Hispánica, e que lle mandou aos asistentes ler entre todos o poema “A festa da patrona de Tabeirón” para despois analizalo en detalle.
Un coloquio no que participaron todos os relatores e conducido por Jorge Mira, Físico e Catedrático de Electromagnetismo, serviu para pechar as xornadas nas que todos e todas coincidiron en reivindicar para Enrique Labarta Pose o seu propio día das Letras galegas. Manuel Muíño, Alcalde de Zas, encargouse de pechar as charlas da mañá onde asegurou que o Concello de Zas continuará realizando diferentes accións de divulgación da figura de Labarta. Durante o peche o rexedor tamén asegurou que dende o Concello estudiarase a posibilidade de recompilar as diferentes obras labartianas para a súa posterior publicación.
Roteiro literario
A xornada continuou pola tarde, momento no que o forte temporal de choiva e vento amainou para que os participantes puidesen percorrer diferentes lugares do Concello de Zas aos que, dunha forma ou doutra, Enrique Labarta Pose fixo referencia nas súas obras. Xosé María Lema guiou o roteiro polas terras baiesas, Evaristo Domínguez fixoo en Zas e Tania Carreira en Brandomil.
No Centro Sociocultural de Baio está exposto de forma permanente unha boa parte do legado de Enrique Labarta Pose que dende hai uns meses as familias Rojo Valiña e a de Ramón Romar cederon ao Concello de Zas para a súa difusión, análise e exposición. Aquí está tamén polo momento outra exposición itinerante formada por oito paneles móbiles na que se percorre a vida e obra de Labarta e que proximamente visitará outros centros de relevancia da provincia.