Mércores. 24.04.2024
El tiempo

"Zas polo muído" descubre a parroquia de Santa Sía de Roma

"Zas polo muído" descubre a parroquia de Santa Sía de Roma
  zas-santa-sia-roma O lugar de Santa Sía de Roma é unha das poucas que conserva un hábitat agrupado. Imaxe: Xosé María Lema O departamento de Cultura do concello de Zas - dirixido por Manuel García Velo - vén de presentar unha nova entrega de "Zas polo miúdo" na que dá a coñecer a todos os internautas a parroquia de Santa Sía de Roma onde tan só habitaban 79 veciños no 2016. Tal e como o explica a documentación recollida por Evaristo Domínguez e Xosé Mª Lema Santa Sía de Roma é un dos haxiotopónimos - nomes de lugar orixinados polo nome dun santo ou santa - do concello de Zas. Os autores sinalan que o haxiotopónimo é só Santa Sía; xa que contrariamente ó que se pensaba o "Roma" que acompaña o nome da santa é simplemente un complemento que, contra 1570, se lle engadiu á patroa da parroquia por orde dalgunha autoridade eclesiástica. Ata esa data do último terzo do sécéculo XVI a parroquia só figura nos documentos (en latín, en galego e despois en castelán) co nome da santa a secas: Santa Cecilia, Santa Cecía, Santa Cía ou Santa Sía. A partir de 1570 xa aparece co engadido "de Roma", que sen dúbida pretendía facer referencia á orixe da santa venerada na igrexa: a mártir romana do século III, que despois sería escolleita como patroa da música. En canto ó topónimo Rus, segundo F. Cabeza, é posible que proceda de *(villa) Ruderici ou de Rudericus (‘vila, mansión rural de Rodrigo’). A súa igrexa parroquial é de estilo barroco, construída no século XVIII, e está perfectamente integrada entre as casas, onde destaca o seu alto campanario que preside o conxunto. Do seu interior, cómpre resaltar o retablo maior feito en pedra de granito. O seu principal interese está no material de construción, xa que non son moitos os retablos pétreos no barroco galego de principios do XVIII. Hai tamén dous cruceiros: o da igrexa, hoxe situado na parte sur do adro (do 1930, segundo a inscrición do pedestal) e o que se atopa nunha praciña no medio do lugar. A aldea de Santa Sía é un dos poucos lugares que por estas comarcas occidentais de Galicia presenta un hábitat agrupado, pois poucas son as casas construídas fóra do núcleo. Conservan, agás excepcións, a súa estrutura tradicional: casas rectangulares de pedra e tellado a dúas augas, algunha delas de cantería, as restantes de cachotería coa cantería reservada para as luces e esquinais. Esta parroquia pertenceu durante o Antigo Réxime á xurisdición, gobernada polos condes de Altamira, de Vimianzo e, no ano 1842, Santa Sía estivo a piques de ser capital do concello de Roma, que abranguía todas as parroquias de Zas e boa parte de Vimianzo, tras o acordo de redución de concellos que adoptou a Deputación. O proxecto nunca chegou a realizarse. Máis información: Novas relacionadas Fonte

Comentarios