Zas prepárase para o Trail-Andaina Coba do Lobo e para visitar o Campo Lameiro
Boas inciativas que mesturan patrimonio e deporte as que artella o Concello de Zas, cun máis que interesante I Trail-Andaina Nocturno Coba do Lobo e unha visita, para menores de 16 anos, ao Campo Lameiro:
Aberto o prazo de inscrición para o I Trail-Andaina Nocturno Coba do Lobo
Os montes de Zas acollerán o próximo sábado 18 de agosto o I Trail Nocturno Coba do Lobo; unha proba deportiva non competitiva, organizada polo Concello e a Asociación Deportiva Monte Brondo, na que os participantes poderán desfrutar dunhas espectaculares vistas nocturnas despois de coroar montes como o Pión e o Montebrondo.
O evento consta de tres probas diferentes abertas a toda a veciñanza: un trail, unha andaina e un peketrail.
O trail constará duns 14,5 quilómetros de percorrido por distintos sendeiros do municipio de Zas. A saída será ás 21:30 horas da praza do Concello de Zas e o custo de participación é de 12 euros para os que se anoten antes do 10 de agosto ás 23:59 horas e logo pasará a costar 14€. A proba está limitada a 200 participantes.
Na andaina nocturna, duns 10 quilómetros, poderán participar toda a veciñanza que o desexe e a inscrición ten un custe de 8 euros (ata o 10 de agosto ás 23:59 horas) e de 10 euros a partir dese día. A saída será ás 21:40 horas dende a praza do Concello de Zas. Na probra poderán participar un máximo de 150 persoas.
No caso do peketrail haberá dúas categorías; A (de 5 a 10 anos) e B (de 11 a 15 anos). A inscrición nesta proba é gratuíta e os corredores deberán entregar unha autorización firmada polos pais/titores. En ambos casos o percorrido é de 1,5 quilómetros e a saída será ás 20:00 horas (para a categoría A) e ás 20:30 horas (categoría B) dende a Carballeira de Zas.
Inscricións
Os/as interesados en participar poden anotarse a través da plataforma Galitiming.
Excursión ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro
Visita escolar a Campo LameiroInteresante excursión ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, en Pontevedra, que organiza o Concello de Zas para o próximo 27 de xullo. Viaxe dirixida a nenos e nenas de 7 a 16 anos xa que ésta é unha actividade que forma parte do programa de conciliación familiar e laboral “Zas no verán!” e na que os participantes adentraranse na Idade do Bronce a través dunha visita guiada, observarán petroglifos e a reconstrucción dunha aldea da época. Tamén terán a oportunidade de participar nos obradoiros “A voltas co lume” e “Caza na Prehistoria”.
A hora de saída prevista é ás 10:00 horas (dende a entrada do CEIP Labarta Pose de Baio) e ás 10:15 horas (dende a Praza do Concello de Zas) e o regreso está previsto para as 20:00 horas.
Inscricións
O prazo de inscrición está aberto ata este venres, día 20 de xullo, ou ata completar as 50 prazas dispoñibles. O prezo da excursión é de 6€ para os/as empadroados/as e de 10€ para os/as non empadroados/as. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo no Centro Sociocultural de Baio ou no de Zas ou a través dos números de teléfono 981 751 398 e 981 718 056 (de luns a venres en horario de 09:30 a 14:00 horas).