Zas presentoulle ao Presidente da RAG o programa de actos do centenario da morte de Enrique Labarta Pose
Non desiste o Concello de Zas de conseguir que o Día das Letras Galegas sexa en homenaxe a Enrique Labarta Pose. A piques estivo de conseguilo neste 2025, que coincide ademais co centenario do seu pasamento, pero finalmente xa saben que vai adicado ás cantareiras e pandereteiras do país, nomeadamente as de Mens e a unha muxiá.
Con todo, o Concello mantén un axitado calendario de actividades este ano arredor da figura do polifacético escritor, como lle presentaron alcalde e técnica de Cultura ao Presidente da Real Academia Galega - RAG -, Víctor F, Freixanes, ao que lle entregaron un exemplar do almanaque municipal e do primeiro libro infantil sobre Labarta, “O Poeta da Terra”.
O programa de actos artellado en colaboración con outras entidades do municipio, terá un dos actos centrais o vindeiro 13 de maio, coincidindo co día da súa morte despois do accidente en tren que sufriu en Barcelona.
Na reunión repasaron tamén as últimas actividades impulsadas polo Concello de Zas co fin de continuar coa divulgación e posta en valor da figura e da obra de Enrique Labarta Pose.
Manuel Muíño reiterou a importancia que ten para o Concello de Zas e para toda a Costa da Morte que Enrique Labarta Pose teña o seu propio Día das Letras Galegas; unha decisión que parte da Real Academia Galega e que se decide nos próximos meses.
Por outra banda, o Concello recolleu a idea de organizar un acto na honra das “Cantareiras”, tamén moi presentes na historia e na actualidade zaseira.