Xoves. 30.05.2024
El tiempo

Chema Rei reivindica no IES de Baio o Día das Letras Galegas para Labarta Pose

Chema Rei no IES de Baio con Labarta Pose 1
Chema Rei reivindica no IES de Baio o Día das Letras Galegas para Labarta Pose

Un dos actos do VI Mes do Libro organizado polo Equipo da Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema tiña protagonista local. O alumnado de 1º Bacharelato acudiu á presentación do libro "Antoloxía Poética. Enrique Labarta Pose". O mestre de cerimonia foi Xosé María Rei Lema, un dos editores xunto con Xosé Manuel Varela.
Confesou o investigador que decidiron realizar esta recompilación de corenta poemas en galego do escritor baiés porque xa era case imposible acceder á súa creación poética pois hai trinta anos que non se publicaba nada del. Ademais esta iniciativa encádrase dentro das que desenvolve o Concello de Zas para conseguir que se lle dedique a Labarta Pose o Día das Letras Galegas 2025.

A seguir Rei Lema centrouse na figura do noso ilustre paisano cun percorrido pola súa traxectoria vital que ía acompañando de textos e fotos referentes aos feitos que relataba. A continuación detívose na faceta de autor, destacando a sona de bo escritor que tivo na súa época, con numerosos premios e cuxa poesía humorística foi a máis celebrada. Pero sinalou o estudoso que Labarta era máis que un poeta humorístico: nos seus poemas hai temática social,
defensa da muller, reinvindicación do uso do galego, denuncia das pésimas condicións na inmigración, rexeitamento do maltrato animal, das corridas de touros... O relator ía apoiando a información co recitado de poemas.

Na presentación, Claudia e Bruno, agradecéronlle ao invitado por transmitirnos a historia e o labor literario deste persoeiro destacado da nosa vila e que cómpre divulgar para poñer a Baio no mapa da literatura galega. "Este tipo de actividades son esenciais para coñecermos o noso patrimonio cultural que serve para cohesionarnos ao redor dos nosos símbolos", explican dende o centro, dende onde agradacen o esforzo municipal por impulsar a figura do autor.

Chema Rei no IES de Baio con Labarta Pose

Comentarios