Venres. 29.03.2024
El tiempo

Zas propón un outono de Andainas

andainas de outono por Zas copia
Zas propón un outono de Andainas

Serán 4 saídas por espazos naturais as que propón o Concello de Zas para o programa de Andainas deste outono.

A primeira andaina será o sábado, 3 de outubro, cunha ruta fluvial de Baio e a subida ao monte Castelo. Son un total de 14 quilómetros que discorren polo roteiro acondicionado recentemente polos membros da Asociación Veciñal Tabeirón de Baio. Pasará pola carballeira de Baio, a área recreativa de Pedra Vixía, o dolmen de Pedra Vixía, as Torres do Allo e dende alí subiremos ao monte O Castelo. A saída será ás 10:00 horas dende o paseo fluvial de Baio.

A ruta da auga será outro dos percorridos a realizar en dúas quendas; unha o 10 de outubro e outra o 18. Fervenzas, unha variada flora e fauna, muíños, un batán, pontellas, abellarizas, mámoas e mesmo un castro son algúns dos elementos que conforman este roteiro que discorre, nalgúns casos, por antigos camiños recuperados e, por outros, por sendas de ribeira. En total son 10 quilómetros de dificultade baixa. En calquera dos dous casos a saída é ás 10:00 horas dende a Praza do Concello.

E xa para rematar, o sábado 24 de outubro toca a ruta das carballeiras. Son uns 13 quilómetros de percorrido pasando polo castro de San Adrián de Castro, polo pazo de Romelle e polo pazo da Edreiras entre outros moitos máis espazos naturais do noso municipio. A saída é ás 10:00 horas dende a Praza do Concello.

Inscricións

Para participar en calquera das rutas é necesario inscribirse previamente en calquera dos Centros Socioculturais do noso municipio ou a través dos números de teléfono 981 751 398 ou 981 718 056.
O número de prazas por cada ruta son limitadas e todos/as os/as participantes deben de levar máscara.

Comentarios